Novas

Sábado, 5 de xullo de 2014

Os populares consideran que o normal tería sido dirixirse á concesionaria para coñecer a orixe dos vertidos e as medidas a articular

O PP denuncia que o Goberno local non esixa responsabilidades a Aqualia tras pagar máis de 550.000 euros por vertidos nos últimos anos

O Concello asumiu sancións por importes elevadísimos, como unha de 159.183 euros do ano 2006 e outra de 54.390 de 2013

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que o Goberno local non esixa responsabilidades a Aqualia tras pagar máis de 550.000 euros por vertidos nos últimos anos. Así o demostra a relación de sancións por vertidos entre o ano 2003 e a actualidade á que tivo acceso o PP.

Entre os pagos figuran contías elevadísimas como os 159.183 euros por un vertido de augas residuais á canle do Río Cabe, no ano 2006, ou os 54.390 euros que o Concello tivo que pagar en 2013 por un vertido de augas residuais do polígono ao regato Carballo-Cabe. (Achégase relación de sancións).

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que "chama poderosamente a atención que pese a asumir estas cantidades por sancións desde o 2003 o técnico de medio ambiente do Concello non reciba instrucións sobre o cumprimento do contrato para dirixirse á concesionaria, como así recoñeceu e puido saberse na última reunión da comisión do auga". (Achégase documento).

Os populares consideran que "o normal" sería que o equipo de Goberno dese instrucións para dirixirse á concesionaria e coñecer a orixe dos vertidos que causaron as sancións, así como as medidas a articular para que esta situación non se volvese producir.

"Fronte a iso, precisa Rodríguez, o silencio máis absoluto por parte do Concello". A portavoz do PP critica que non se lle deran instrucións ao persoal municipal para requirir á empresa en relación cos vertidos e as cantidades impostas a través de numerosas sancións, en concreto 28 multas entre o ano 2003 e o 2014.

"Non entendemos que cando eses vertidos proceden da depuradora ou de calquera outra instalación do saneamento local o alcalde non dea indicacións para dirixirse á concesionaria. Unha vez máis sorprende a total impunidade que existe con esta empresa pese a que todos os monfortinos van ter que asumir as consecuencias da súa mala xestión".

Por todo iso, os populares pediron coñecer, no marco da comisión de Aqualia, os requirimentos que en todo este período se lle fixeron á concesionaria, despois de que o Goberno local afirmase que non existen requirimentos anteriores a decembro do ano 2012, cando o PP levou o tema ao Pleno por vez primeira, nin tampouco constancia de ningún expediente sancionador

Novas

Redes Sociais