Novas

Luns, 7 de xullo de 2014

Os populares non entenden que o Goberno local precise sete meses para elaborar un documento que non aporta novidade algunha, senón que é unha réplica das contas de 2013 con algún axuste

O PP non apoiará uns Orzamentos nos que aumenta o gasto corrente e o financeiro, sen incremento de investimento produtivo

Julia Rodríguez sostén que a porcentaxe de débeda sobre ingresos correntes suporá o 20% no exercicio 2014

O Grupo Municipal do PP de Monforte votará en contra dos Orzamentos propostos polo equipo de Goberno para 2004 posto que, aumenta o gasto corrente e o financeiro e as transferencias correntes, mentres diminúen os investimentos reais. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que non se entende que precisen máis de sete meses para elaborar un documento que non aporta novidade algunha e que é unha réplica do Orzamento de 2013 cos correspondentes axustes.

O incremento de ingresos procede, a xuízo do PP, dunha maior carga fiscal a través de impostos directos e taxas, un maior endebedamento a través dunha nova operación de crédito, a inclusión do canon de explotación de Aqualia que se deixou de percibir pola desaparición da oferta e un incremento nas transferencias correntes da Deputación. Así, salvando os 300.000 euros da ETAP, o incremento orzamentario destínase ao aumento do gasto corrente, e a partida de transferencias correntes a institucións sen fin de lucro.

Dependencia doutras administracións

No apartado de ingresos os populares estiman acertada a aplicación do criterio de caixa, que xa se impuxo no exercicio de 2013, xa que permite elaborar un orzamento de ingresos máis axustado á dispoñibilidade real de recursos, a diferenza do que viña ocorrendo antes. A maior partida de ingresos procede, principalmente, das transferencias correntes do Estado e a Comunidade autónoma, o que revela unha absoluta dependencia do financiamento procedente doutras administracións. Os ingresos increméntanse tamén porque, ao elaborarse o Orzamento tan tarde, inclúense as transferencias da Deputación, que soben 209.500 euros.

O incremento orzamentario procede en boa medida do IBI (aumento de 364.304 euros) como consecuencia da aplicación do tipo a 0,605. Tamén sobe en 80.000 euros o IVTM e en 45.000 euros o IIVTNU. O capítulo de taxas e prezos públicos sofre tamén un lixeiro incremento de 125.488 euros.

Os populares critican a desviación económica que supón a taxa pola recolleita de lixo de 1,3 millóns de euros e que representa o 11,12% do orzamento total de ingresos. Presupóstase ademais o canon de explotación, que supón uns ingresos de 112.756 euros que ata a data non se puideron cobrar como consecuencia da inxustificable desaparición da oferta de Aqualia.

Elevado nivel de endebedamento

O PP rexeita que se incremente o endebedamento do Concello, como así se fará ao formalizar unha nova operación de crédito por importe de 300.000 euros para facer fronte á achega do Goberno local aos custos da nova ETAP. Fóronse facendo addendas para atrasar o pago sen previsión algunha malia que se coñecía o compromiso establecido no convenio para a ETPA. Así, os populares advirten do elevado nivel de endebedamento a longo prazo que soporta o Concello, que representaría unha débeda viva a finais de 2014 de 2,7 millóns de euros, máis a póliza de crédito a curto por importe dun millón de euros que se concerta anualmente. Julia Rodríguez, explica que isto suporá no exercicio 2014 unha porcentaxe de débeda sobre ingresos correntes do 20%.

Os populares tampouco comparten o aumento que se produce no capítulo de gastos corrente, que sobe en 447.810 euros destinando este incremento aos contratos externos vixentes, como lixo, auga ou recadación, pero tamén a gastos diversos, gastos imprevistos ou ao incremento da partida de festexos e mercados. O PP pon o acento no incremento da limpeza e aseo que ascende en 128.074 euros, o servizo de recadación que incrementa o seu custo en 33.683 euros, mentres se gastan 15.000 euros en arrendamentos de edificios cuxos alugueres Intervención invitou a reconsiderar.

Entre as cantidades que o PP considera insuficientes están os 105.000 euros para atender reparacións de infraestruturas, tendo en conta das numerosas actuacións urxentes que hai que atender. Dos 146.000 euros para obras, 105.000 son para reparar infraestruturas, unha cantidade que o PP tamén estima reducida para atender as necesidades.

Entre os gastos que o PP considera que hai que revisar para a súa racionalización, figuran os de comunicacións telefónicas (40.000 euros), combustibles e carburantes (104.000 euros) comunicacións postais (66.000 euros) gastos xurídicos, imprevistos, estudos e traballos técnicos, actividades e festexos, así como a partida para outros gastos diversos, 279.000 euros, cuxo destino se descoñece.

O PP chama a atención tamén sobre o incremento que sofre a partida de transferencias correntes a familias e institucións sen fin de lucro que se incrementa de 142.814 euros a 258.700 euros.

Novas

Redes Sociais