Novas

Martes, 8 de xullo de 2014

O Grupo Municipal Popular afirma que está en mans do Goberno local aprobar as axudas, que pode sacar adiante de diferentes xeitos

O PP esíxelle ao alcalde que a prórroga dos Orzamentos non repercuta nas subvencións ás asociacións da cidade

Julia Rodríguez considera que a actitude do Goberno local ao non presentar as contas aos monfortinos e ao negarse a negocialas coa oposición evidencian "que lle deu as costas a Monforte"

O Grupo Municipal do PP esíxelle ao alcalde que a prórroga dos Orzamentos de 2013 non repercuta nas subvencións nominativas ás asociacións da cidade -entidades deportivas e asociacións cidadás-. Os populares afirman que está en mans do equipo de Goberno levar estas axudas ao próximo Pleno para que poidan ser aprobadas. "Pode tratar de buscar apoios e levar un novo Orzamento ao Pleno ou levar directamente as axudas facendo unha modificación das contas do ano 2013, polo que ten varias posibilidades", explica.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, rexeita o argumento esgrimido polo Goberno local en relación coa perda de axudas por parte destes colectivos, ao non aprobarse os Orzamentos para 2014. "Somos conscientes do labor que fan e do seu esforzo por sacar adiante os seus proxectos, polo que pedimos que ese apoio se manteña", explica.

Os populares anúncianlle ás asociacións que terán o apoio do PP para que reciban as axudas que merecen e rexeitan o temor que o alcalde trata de difundir "cando non é verdade que as subvencións previstas non poidan concederse".

O PP lamenta a situación de incerteza que está creando o Concello coas súas manifestacións e asegura que todo o tecido asociativo contará co seu apoio para recibir as subvencións que lle corresponde "e coas que contribúen ao desenvolvemento da cidade".

Dan as costas á cidade

Julia Rodríguez asegura que o Goberno local "deu as costas á cidade" ao actuar en solitario sen ter en conta a opinión dos veciños nin tratar de negociar o orzamento cos grupos da oposición para a súa aprobación. "Decidiron romper cos cidadáns e converterse nun goberno solitario que non teñen conta o sentir e as necesidades de Monforte", engade.

Os populares sosteñen que, tanto os investimentos de relevancia, como as axudas aos colectivos, poden saír adiante aínda que o orzamento se prorrogue, polo que pide "seriedade e rigor" ao rexedor e á información que está trasladando aos cidadáns. "Non pode escudarse na prórroga do Orzamento cando non lle deu participación a ninguén para negociar as contas, cando as trae fóra de prazo e cando se parapeta na arrogancia para pretender aprobar o que só el quere".

Novas

Redes Sociais