Novas

Xoves, 10 de xullo de 2014

O Grupo Municipal do PP mostra a todos os cidadáns as dimensións da documentación e o ben identificada que está

Julia Rodríguez: "Que os monfortinos vexan a oferta de Aqualia e xulguen se entenden a súa desaparición durante dez anos"

Os populares pedirán a comparecencia da arquiveira no marco da comisión da auga

O Grupo Municipal do PP de Monforte mostra a oferta de Aqualia a todos os veciños da Cidade do Cabe para que sexan eles os que xulguen, á vista das súas dimensións e identificación, se entenden a súa desaparición durante dez anos. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, difunde as imaxes da oferta, á que tivo acceso no marco da comisión do auga, posta en marcha a petición do Grupo Municipal Popular, tras unha petición expresa para poder analizala, un traballo que desenvolveu durante toda unha mañá.

O PP segue sen entender como desapareceu a oferta da empresa da auga, sobre todo logo de coñecer o feito de que as ofertas das outras firmas non se extraviaron, como ocorreu coa documentación aportada pola adxudicataria. Tampouco comparten que o alcalde non adopte ningunha decisión respecto diso cando ten a obrigación legal de custodiar os documentos oficiais.

Julia Rodríguez anuncia que o seu grupo pedirá, entre outras, a comparecencia da arquiveira municipal na comisión informativa sobre Aqualia para que explique as causas do extravío, así como a súa aparición dez anos despois. Os populares consideran "moi pobres e poucos convincentes" as explicacións dadas polo Concello nun informe no que aseguran que o anterior nome da empresa, Seragua, impediu a súa aparición e tamén o cambio de dependencias municipais, un argumento que tampouco o PP comparte, posto que o contrato asinouse no Consistorio actual.

A popular denuncia, unha vez máis, os graves prexuízos causados polo Concello ao perder a oferta da concesionaria, entre os que se atopan perder ata catro procedementos xudiciais. "Existiron ocasións máis que sobradas para buscar a oferta e non entendemos que non fose posible ao ver o tamaño que ocupa e o ben identificado que está cada un dos tomos", conclúe.

Así, no exterior de cada tomo pode lerse: "Contratación da concesión administrativa da explotación do servizo público municipal de abastecemento de auga potable e saneamento do municipio de Monforte de Lemos".

Novas

Redes Sociais