Novas

Martes, 9 de xullo de 2013

Os populares lamentan a negativa do Goberno local a asinar o convenio coa Xunta para poder acometer labores de prevención de incendios

O PP pídelle ao alcalde que "utilice todos os medios ao seu alcance" e actúe limpando e eliminando a maleza en zonas urbanas e núcleos rurais

O Grupo Municipal do PP invita ao rexedor a solicitar a subvención da Xunta para contratar a un técnico que axude a promocionar e divulgar a oferta turística da cidade

A portavoz do Grupo Municipal do PP de Monforte, Julia Rodríguez, pídelle ao alcalde "que utilice todos os medios ao seu alcance" e actúe de inmediato a través da limpeza e a eliminación da abundante maleza que crece en zonas urbanas e núcleos rurais. Os populares realizan esta petición despois de que o rexedor reitere a súa intención de non asinar o convenio coa Xunta de Galicia para a extinción de incendios.

Os populares de Monforte lamentan a decisión do Goberno local que conleva non acometer labores de prevención de incendios nunha época de especial risco debido ás altas temperaturas. Julia Rodríguez insiste en que non asinar o convenio constitúe "un erro" porque vai dirixido, sobre todo, a tarefas de prevención, roce e limpeza da maleza existente.

O Grupo Municipal do PP advirte da existencia de abundante maleza, tanto na zona urbana como na rural, polo que lle recorda ao alcalde que é competencia súa facer que os veciños con solares privados cumpran a normativa vixente "posto que se está creando un risco engadido na zona urbana".

Os populares demandan actuacións, tanto na zona urbana como na rural, encamiñadas a reducir o alto risco de incendio que existe actualmente. Recordan ademais que son numerosas as queixas dos veciños solicitando a intervención do Concello.

"Trátase dunha responsabilidade do Goberno local e non pode mirar para outro lado cando existe un risco real", explica a portavoz. Os populares recordan que anteriormente presentaron iniciativas neste sentido que acadaron efecto, polo que non descartan exixir novas actuacións a través do Pleno se o Concello non actúa de xeito urxente. "É un traballo que non pode ser illado, senón que debe ser permanente no tempo", esgrime Julia Rodríguez quen engade que "non apreciamos que exista unha vontade real de actuar de forma preventiva ante un problema que nos afecta de xeito recurrente, ano tras ano".

Guía turística

En relación coa subvención que a Xunta ofrece ao Concello para dotalo dun técnico de turismo durante os meses de verán, o PP considera que se trata dunha axuda que pode incrementar a calidade da información que se vén prestando "de xeito cualificado" desde o Centro do Viño. "Consideramos que non solicitala sería unha oportunidade perdida e non se poden desaprovechar as posibilidades que ofrece a cidade a nivel turístico", conclúe.

Novas

Redes Sociais