Novas

Martes, 22 de xullo de 2014

O Grupo Municipal do PP tivo acceso a un documento municipal no que se desvela que non constan informes técnicos non enviados para a defensa do contencioso por desequilibrio económico interposto por Aqualia

Julia Rodríguez cuestiona a xestión dun Concello "no que todo desaparece"

Os populares solicitaron, entre outras, a comparecencia do anterior alcalde de Monforte e do actual na comisión informativa sobre a concesionaria do auga

O Grupo Municipal do PP de Monforte cuestiona a xestión dun Concello "no que todo desaparece". Así se expresa a portavoz do PP, Julia Rodríguez, logo de ter acceso a un documento municipal no que se precisa que non constan informes técnicos non enviados para a defensa do Goberno local no contencioso por desequilibrio económico interposto por Aqualia, tal e como defendeu o Goberno local.

Os populares non entenden que desapareza a oferta durante máis de dez anos malia o seu volume e boa identificación, o mesmo que pasou co Plan Director de abastecemento e saneamento, o inventario de redes de abastecemento e os planos xerais da rede, documentos cuxa existencia os nacionalistas negaron malia que logo apareceron. "O que faltaba era que a portavoz do BNG diga que se elaboraron informes respondendo ao contencioso de Aqualia, pese a que non chegaron a enviarse, e que agora se descubra que non se enviaron porque non existen", critica a popular.

Este feito demostra o que o PP vén denunciando de xeito reiterado, a perda dunha sentenza pola que os monfortinos terán que pagar 336.000 euros pola desidia do alcalde e da tenente alcalde ao non solicitar nin enviar a documentación que se requiriu por parte do perito xudicial. "O fallo é resultado da neglixencia do Concello á hora de contrarrestar a documentación que facilitou Aqualia e que permitiu ao perito xudicial chegar ás conclusións que figuran no seu informe sen ter en conta os incumprimentos nos que a concesionaria incorreu xa no 2005, ano no que a concesionaria interpón a demanda.

A reprimenda do Xulgado ao Concello por falta de colaboración levouno ata a impoñer unhas costas que ascenden a 1.000 euros.

Comparecencias

O PP propuxo que a partir do mes de setembro comparezan na comisión informativa sobre a concesionaria ds auga o anterior alcalde e o actual, Nazario Pin e Severino Rodríguez. Tamén pediron que interveña o secretario Xullo González, a interventora Mónica Legaspi, a arquiveira Elisa Fernández, a actual tenente alcalde María Xosé Veiga, o concelleiro José Luís Rodríguez Rivera, o anterior xefe de servizo de Aqualia Juan José Andrés, o actual, Pedro Manuel López, o avogado da Coruña Carlos Hernández, así como os secretarios e interventores do Concello entre 2001 e 2013.

A esta relación do PP sumouse ademais a comparecencia do técnico de servizos.

A seguinte reunión da comisión será o próximo día 4 de setembro e nela decidirase a orde das comparecencias e os grupos recibirán a documentación pendente de emitir por parte do Goberno local.

Novas

Redes Sociais