Novas

Mércores, 23 de xullo de 2014

Os populares solicitan a vista da totalidade do expediente de contratación do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento

O PP pregúntalle ao alcalde se tamén perdeu o informe económico sobre Aqualia logo de comprobar a súa existencia en actas plenarias de 2000 e 2001

Julia Rodríguez asegura que o Goberno local trata de confundir aos cidadáns unha vez máis, cando en todos estes anos non lle fixeron nin un só requirimento á empresa concesionaria

O Grupo Municipal do PP de Monforte quere saber se o alcalde perdeu tamén o informe económico sobre Aqualia logo de comprobar a súa existencia en actas plenarias dos anos 2000 e 2001. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, mostra a súa sorpresa polas declaracións do Goberno local nas que afirman que non existe informe económico previo á convocatoria do concurso do servizo de abastecemento e saneamento do Concello e que se considerarán as accións a emprender como posible causa de nulidade.

"Non entendemos que o alcalde saía con esta nova serpe de verán cando na acta do Pleno da Corporación do 18 de novembro de 2000 no debate sobre a concesión do servizo os concelleiros Antonio Prado e Celestino Torres valoran o estudo económico en relación coa concesión", precisa a popular.

Por iso, co propósito de coñecer o cometido dese informe elevado ao Pleno, o PP solicitou hoxe mesmo vista e copia das actas do Pleno da Corporación con data 18/11/2000, 5/2/2001 e 30/04/2001, nas que se fai referencia a devandito estudo. O Grupo Municipal do PP demanda ademais a vista da totalidade do expediente de contratación do servizo de abastecemento de auga potable e saneamento do Concello de Monforte, tendo en conta que da documentación solicitada ata a data o Goberno local non entregou copia daquela anterior á aprobación do prego de condicións e aínda cando o obxecto da comisión informativa é analizar os incumprimentos da empresa e non a contratación.

"Desde que o BNG chegou ao Goberno local non interpuxo ningún requirimento á empresa pese aos seus incumprimentos reiterados e agora ocórreselles pedir a nulidad3 en base á inexistencia dun informe do que sí hai constancia", explica a popular. Julia Rodríguez rexeita ademais este argumento posto que en dez anos o alcalde non se preocupou de se existía ou non ese informe ao que agora se agarra para tratar de disimular a súa falta de xestión en todos estes anos.

A portavoz do PP denuncia o interese do alcalde "por confundir aos monfortinos" cando nas actas plenarias dos anos 2000 e 2001 recóllese claramente que ese informe económico forma parte do expediente. "Se tamén o perderon, é hora de buscalo", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais