Novas

Venres, 25 de xullo de 2014

Os populares queren saber o investimento que o Goberno local ten previsto facer para acondicionar os postos dominicais agora que decidiron retirar as casetas e anunciaron que ampliarán a pérgola

O PP denuncia que o Concello "malgaste" no Parque dos Condes mentres desatende o estado no que se atopa o mercado gandeiro

Julia Rodríguez lamenta que o alcalde non sexa capaz de priorizar e gastar só naquelo que é realmente necesario

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia que o Concello "malgaste" nos postos dominicais do Parque dous Condes mentres desatende o estado "lamentable" no que se atopa o mercado gandeiro para que os comerciantes poidan desenvolver a súa actividade, tal e como viñeron denunciado de xeito reiterado.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, pregúntase canto diñeiro custou retirar as casetas que había no Parque dous Condes e qué uso se lles vai a dar agora. Os populares queren saber tamén o investimento previsto na zona, unha vez que o Goberno local anunciou que ampliará o espazo da pérgola.

"Todas estas actuacións deixan á vista a nula capacidade do alcalde para priorizar e gastar só naquelo que é realmente necesario", precisa a popular. Engade ademais que o PP denunciou en numerosas ocasións o mal estado no que os comerciantes do mercado gandeiro e as polbeiras teñen que traballar "cunha cuberta completamente deteriorada, uns baños en moi mal estado ou unhas vías de acceso máis propias de épocas pretéritas".

A todos estes desperfectos hai que sumar as queixas recentes das polbeiras nas que pedían maior seguridade ao Goberno local, posto que en varias ocasións foron vítimas de furtos nas propias instalacións onde se come o polbo.

"Non presta a máis mínima atención ás queixas de vendedores e ambulantes pero sí se empeña en continuar cunha pérgola que ata a data só trouxo consigo gastos para un Concello que se ve incapaz de xestionar o Orzamento prorrogado". A popular pregúntase cal é a demanda e o interese real que lle levará a realizar un novo esforzo orzamentario na zona cando existen múltiples prioridades ás que dar cumprimento.

Por todo iso, o Grupo Municipal do PP pídelle ao rexedor "un esforzo de contención" que posibilite que os recursos se destinen "a aqueles lugares que máis o necesitan".

Novas

Redes Sociais