Novas

Sábado, 26 de xullo de 2014

Os populares proporcionan unha relación de pagos realizados polo Goberno local que non consideran prioritarios e que son os que comprometen que agora se poida facer fronte a outras necesidades

O PP esíxelle ao alcalde que dea conta do seu "exceso de gasto" en 2014 antes de seguir responsabilizando aos demais da súa nefasta xestión

Julia Rodríguez explica que o diñeiro destinado a gastos en consultorías externas con empresas de Allariz, habituais do Concello, e o incremento de gasto dos mercados temáticos cubrirían boa parte das axudas para asociacións e entidades deportivas

O Grupo Municipal do PP de Monforte esíxelle ao alcalde que dea conta e lle explique a todos os monfortinos en qué se gasta o Goberno local os recursos públicos antes de seguir responsabilizando aos demais do que corresponde unicamente a unha xestión nefasta por parte dos nacionalistas.

Os populares rexeitan que non poidan concederse as subvencións a asociacións e entidades deportivas, como di o Alcalde, por falta de fondos. Explican que se ten problemas de liquidez será consecuencia do exceso de gasto indebido que o Goberno local veu facendo en 2014, pese a saber que dispoñía dun Orzamento prorrogado.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que se no principio do ano o alcalde mantivo contactos infrutuosos cun dos grupos da oposición, e decidiu non intentalo co outro, "era o momento de controlar e racionalizar os gastos en previsión de posibles modificacións, algo que non fixo en ningún dos seus anos de goberno".

Exemplos concretos

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia o exceso de gasto do Concello a través de exemplos concretos. Entre eles, o mantemento de consultorías informáticas con empresas de Allariz, como Ainet Consulting, á que abona 14.400 euros/ano, ademais doutras facturas trimestrais ou por consultorías puntuais, malia dispoñer doutros contratos de servizos informáticos e recursos propios, así como os gastos de organización dos mercados temáticos, cuxas facturas contan con reparos reiterados de Intervención.

Tamén critican o feito de que non se regularicen contratos, malia os acordos plenarios adoptados a instancia do PP, dos que hai múltiples exemplos, como o da empresa santiaguesa de limpeza Pedra Salgada que percibe máis de 7.000 euros ao mes pola limpeza dalgúns dos inmobles do Concello.

Os populares denuncian a formalización de contratos moi favorables para algunhas concesionarias, chegando ata ao momento de abonar custos que están expresamente excluídos, así como os gastos en informes externos que poden ser asumidos gratuitamente polos servizos xurídicos da Deputación. "Ambos son exemplos de mala xestión, que nos levan a soportar gastos indebidos", apunta Rodríguez, quen engade que "o alcalde non fixo nin fai nada para corrixir estas prácticas e agora di que non ten diñeiro".

Julia Rodríguez precisa que "en reiterados informes de Intervención recoméndaselle regularizar contratos para reducir o gasto que supoñen, pero o rexedor prefire mirar para outro lado e dicir que non hai diñeiro. O que non entendemos é se o fai por simple desidia ou por algún outro interese que deberá explicarlle aos monfortinos".

68.000 euros en mercados temáticos

Os gastos excesivos proveñen non só de contratos inadecuados ou de facturación sen o debido contrato, tamén de decisións do equipo de Goberno como o aumento de mercados temáticos, pese aos custos que supoñen, que cuantifican en 68.000 euros en 2014, o que custou a escoba de ouro ou a pérgola do Parque dos Condes, os gastos destinados a arrendamentos de locais aos que non se lles dá uso, ou a proposta de gasto de 6.330 euros para a renovación do alumado público do parking de caravanas "cando medio Monforte segue ás escuras".

"Todo iso demostra que nin fixo, nin fai previsión algunha malia coñecer a situación na que está desde principios de ano. Tampouco nos serve a escusa das festas patronais cando dispón do mesmo orzamento que tiña o ano pasado, aprobou gastos sen crédito e con reparos de Intervención e finalmente pediu unha subvención á Deputación, que sufragou no seu maior parte as festas de Monforte", engade Rodríguez.

"O alcalde ten cinco meses por diante para reconsiderar estes gastos innecesarios, que xestione adecuadamente o que ten e verá como dispón de recursos para atender ás necesidades das asociacións", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais