Novas

Mércores, 30 de xullo de 2014

O Grupo Municipal do PP insiste en que é vontade política do equipo de Goberno conceder as axudas a asociacións e entidades deportivas

O PP ve "inxustificable" que o alcalde se ría dos monfortinos co apoio a mocións que recoñece que non vai cumprir

Julia Rodríguez considera que estar no Goberno implica maior seriedade e responsabilidade coas decisións que se adoptan

O Grupo Municipal do PP de Monforte ve "inxustificable" que o alcalde e o seu equipo de Goberno se rían dos monfortinos e do resto da Corporación apoiando mocións que no mesmo Pleno recoñecen que non van cumprir. "Quéixanse de que os cidadáns non apoian as decisións políticas cando deciden aprobar mocións que cualifican como brinde ao sol", explica a portavoz do PP, Julia Rodríguez.

Os populares consideran que quen ocupa un posto de responsabilidade política debe actuar con seriedade e responsabilidade e non como o equipo de Goberno de Monforte que é capaz de apoiar a moción sobre axudas para asociacións e entidades deportivas ou votar que se acometan actuacións concretas na cidade, como a limpeza da lagoa do Parque dous Condes, cando ao mesmo tempo afirman que non lles van a dar cumprimento.

"Parécenos que o único que fan con este tipo de comportamentos é rirse dos monfortinos cando saben, e así o acredita Intervención, que esas axudas poden tramitarse e que existen mecanismos legais para aprobar modificacións orzamentarias que permitan sacar adiante as propostas presentadas pola oposición", explica Rodríguez.

O PP non vai consentir que as súas propostas caian en saco roto, polo que nos próximos días proporá, como así fixo na sesión plenaria, opcións para reducir gastos superfluos e regularizar contratos, de maneira que poidan atenderse as peticións das asociacións e entidades deportivas, así como outros asuntos prioritarios para a cidade sobre os que o alcalde "non ten previsto traballar nin mover un dedo para que saian adiante".

"Non ten reparo en mostrar o dedo acusador cando son outras as administracións que demoran os seus compromisos plenarios, pero logo el é o primeiro en gardar no caixón as iniciativas que previamente apoia. Rise de todos os monfortinos", replica a popular.

Festas patronais

En relación coas festas patronais, o Grupo Municipal do PP rexeita que a tan só dez días dos seus inicios aínda non se coñeza o programa completo. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, critica tamén o "espectáculo lamentable" que o alcalde está ofrecendo en relación coa contratación da Panorama cando os nacionalistas recoñecen que os contactos se produciron o ano pasado. "Tivo medio ano para poder formalizar o compromiso do que fala ou xestionar un contrato que incluíse esa actuación concreta, se ese era o seu obxectivo?", indica.

A popular critica que novamente teñan que ser os monfortinos os que paguen a "nefasta xestión" dun alcalde que "para todo atopa escusas".

Novas

Redes Sociais