Novas

Sábado, 2 de agosto de 2014

Os populares descoñecen por qué o Concello decidiu solicitar un informe cando os termos do contrato "non dan lugar a interpretacións"

O PP solicitará copia do informe técnico que segundo o equipo de Goberno indica que non é obrigación de FCC limpar a ponte vella e a muralla

Julia Rodríguez demanda ademais que se acometa a limpeza da lagoa do Parque dous Condes cos recursos propios dos que dispón o Executivo local

O Grupo Municipal do PP de Monforte solicitará de xeito formal copia do informe técnico que segundo desvelou no Pleno o equipo de Goberno indica que non é obrigación da empresa concesionaria da recolleita de lixo, FCC, limpar a ponte vella e a muralla, pese a que así figura no contrato.

Os populares descoñecen a intención do Goberno local ao pedir este informe malia a literalidade da oferta da concesionaria que, como pode lerse, non dá lugar a interpretacións:

Páxina 118 do apartado 6. Melloras técnicas e tecnolóxicas nas prestacións dos servizos. Melloras a nivel de calidade do servizo.

5.2.5. SERVIZO DE ROCE DE LIMPEZA E ROCE DE MALAS HERBAS EN MONUMENTOS PÚBLICOS

De modo adicional aos servizos de roce que se van a levar a cabo en solares municipais e á eliminación de malas herbas que forma parte das tarefas a desenvolver polos equipos de varrido manual, previuse a prestación do labor de saneamento de especies vexetais invasoras nos monumentos públicos de referencia do Concello (Ponte Vella e Muralla).

Esta tarefa levarase a cabo por medio da brigada motorizada, asignada ao varrido manual do Nivel 5 de limpeza viaria e á limpeza de solares e vertidos incontrolados, que compatibilizará estas tarefas coa que aquí nos ocupa.

Recordamos novamente a composición do equipo asignado

1 Condutor

1 Peón

1 Vehículo caixa aberta de 3,5 t, con plataforma elevadora

Ferramentas e material auxiliar

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, critica a práctica de uso recorrente do alcalde de non esixir ás grandes empresas concesionarias dos servizos municipais o cumprimento das súas obrigacións, estipuladas no contrato. "Así o demostrou unha vez máis no Pleno negándose a que FCC limpe a muralla e a ponte vella cando figura de xeito expresa no contrato", replica a popular.

"Non entendemos o motivo polo que se negan a cumprir unha petición como esta que non supón custo algún para o Concello e cualifícana de brinde ao sol -malia que se atopa entre as obrigacións da concesionaria- empregando o tempo e o esforzo que deberían dedicar a esixir o seu cumprimento a encargarlle a un técnico un informe que xustifique que a empresa non ten que facer ese traballo", explica.

Limpeza da lagoa

O Grupo Municipal do PP de Monforte insiste ademais en que se limpe e acondicione a lagoa do Parque dous Condes na medida en que non representa un desembolso importante e que o traballo pode acometerse cos recursos propios do Concello. "Lamentamos que o alcalde non teña a vontade política de facer nada do que se lle demanda desde a oposición e desde a sociedade mentres insiste en facer o que realmente lle interesa: seguir gastando en mercados temáticos, en consultoras ou pérgolas que lastran a economía das arcas municipais", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais