Novas

Sábado, 9 de agosto de 2014

A oferta da concesionaria incluía que no primeiro mes do contrato se desenvolvería un estudo detallado das posibilidades de determinadas áreas a embelecer

O PP esíxelle ao Goberno local que obrigue a FCC a realizar o embelecemento urbano dos contedores, tal e como fixa o contrato

Julia Rodríguez sinala que "son xa moitos os exemplos de incumprimentos destas grandes empresas concesionarias de servizos municipais, que prexudican aos monfortinos, mentres o Goberno local mira para outra parte"

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que lle esixen ao Goberno local que leve a cabo as xestións necesarias a fin de requirirlle á empresa FCC o cumprimento do contrato nos seus propios termos, en particular no que se refire ao embelecemento urbano dos contedores, tal e como figura entre as melloras ofertadas no seu día pola empresa e, polo tanto, de obrigado cumprimento.

Os populares recordan que o custo anual que debe soportar o Concello por este contrato ascende a 2,2 millóns de euros. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sinala que "este contrato tan custoso e anacrónico nalgún dos seus métodos vendeuse como unha gran novidade que buscaba humanizar a cidade eliminando os contedores das rúas e embelecendo ou disimulando aqueles que tivesen que permanecer". Así se recolle na oferta de FCC:

"O concepto de embelecemento urbano das ubicacións dos contedores pódese definir de dúas formas ben distintas:

- Por unha banda empregando pantallas visuais, macetas con flores ou ben elementos prefabricados, cunha intención de "disimular" o punto de ubicación de contedores.

- Tamén existe o punto de vista de que como parte do mobiliario urbano, o contedor de residuos e en especial o de recolleita selectiva pode ser embelecido mediante vinilos e/ou debuxos artísticos, para que por unha banda mellore a contorna asociada ou ben resulte moi resaltable na súa ubicación.

- Búscase polo tanto un notable cambio de imaxe do servizo, obtida ben de forma ornamental ou artística.

Este concepto preséntase nun servizo con ausencia de contedores nas rúas, tal e como é o caso de Monforte.

Así en determinadas Áreas de Achega e de acordo coas Autoridades Municipais desenvolverase no primeiro mes de contrato un estudo detallado das posibilidades de determinadas Áreas de Achega a "embelecer", de tal forma presupostouse unha partida alzada para ditas áreas, con accións de común acordo, coas Autoridades Municipais".

A oferta acompáñase de exemplos de elementos decorativos externos e incluía que no primeiro mes do contrato se desenvolvería un estudo detallado das posibilidades de determinadas áreas a embelecer. Julia Rodríguez explica que cando se debata esta moción terán transcorrido practicamente catro anos desde a formalización do contrato sen que por parte do equipo de Goberno se esixise o cumprimento desta obrigación e sen que a empresa o executara.

"Son xa moitos os exemplos de incumprimentos destas grandes empresas concesionarias de servizos municipais, que prexudican aos monfortinos, mentres o Goberno local mira para outra parte. O prexuízo é grande, non só porque non gozamos das melloras comprometidas no seu día, senón porque encima pagamos por elas", engade.

Outros incumprimentos de FCC

O Grupo Municipal do PP precisa que no caso de FCC debatéronse múltiples mocións a instancia dos grupos da oposición relacionadas con incumprimentos desta empresa, concretamente, sobre o baldeo e a captación de auga potable, o número de cubos, a limpeza das especies vexetais invasoras dos monumentos públicos, o atraso na implementación do cubeo, a falta de pago de aluguer da nave, a falta de instalación de sanecans ou contedores de recolleita de pilas, o mal estado de limpeza de contedores ou a redución da frecuencia de recolleita de lixo nas parroquias.

"Non é entendible que, existindo un técnico responsable do contrato e tratándose dun contrato cunhas condicións económicas que xeran un desequilibrio económico de máis dun millón de euros, o Goberno local non estea vixiante e rigoroso na esixencia do cumprimento das obrigacións que lle corresponden á empresa", conclúe.

Novas

Redes Sociais