Novas

Domingo, 10 de agosto de 2014

O Grupo Municipal Popular sostén que as súas propostas están no marco do informe xa elaborado polo departamento municipal

O PP pedirá a Intervención que se pronuncie no Pleno sobre a súa proposta para obter financiamento para asociacións, entidades deportivas e festas

Julia Rodríguez esíxelle ao alcalde que deixe de confundir aos monfortinos cando depende unicamente da súa vontade política conceder as axudas

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá a Intervención que se pronuncie no próximo Pleno en relación coa proposta concreta dos populares para obter financiamento suficiente para atender as axudas e subvencións a familias, asociacións sen ánimo de lucro e festas parroquiais, na medida en que non figuran incluídas na prórroga do Orzamento de 2013.

Os populares sosteñen que as súas propostas concretas, presentadas a través dunha moción a pasada semana, están no marco do informe de Intervención, (solicitado no seu día pola oposición) polo que, xa foron informadas. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que "despois de que o alcalde poña en dúbida a viabilidade das nosas propostas pediremos que sexa a propia Interventora a que informe no Pleno".

"As nosas propostas están dentro do marco de datos, suxestións e posibilidades propostas polo servizo de Intervención nos seus informes, polo que se existe algo que contraveña as súas indicacións que o clarifique no Pleno", engade a popular.

O Grupo Municipal do PP confía en que o Goberno local cumpra o compromiso de adoptar todas as medidas propostas encamiñadas a dispoñer do crédito necesario para atender as axudas a entidades sen ánimo de lucro, clubs deportivos e festas parroquiais.

"Esperamos que o alcalde deixe de confundir á xente dunha vez por todas e cese no seu empeño de enviar mensaxes falsas sobre unha cuestión tan determinante para estes colectivos", engade a popular. "O que sí debe explicarlle a todo o mundo é o motivo polo que asumiu e segue asumindo no que vai de ano gastos que eran prescindibles e que ata non lle corresponde facerse cargo ao Concello".

Julia Rodríguez esíxelle ao alcalde que deixe de confundir aos monfortinos cando depende unicamente da súa vontade política conceder as axudas. A popular considera "absolutamente inaudito" que sexa o rexedor o que agora lle poña prazos á oposición cando presentou os Orzamentos con sete meses de atraso e sen contar con apoio algún para sacalos adiante.

Uso interesado dos datos

O Grupo Municipal do PP sostén ademais que o alcalde "utiliza interesadamente os datos", xa que o crédito que ten que liberar para atender as axudas do ano pasado ascende a 93.000 euros. "Se tiña tantos problemas para atender os investimentos previstos debeu consideralo antes de chegar a xullo sen preocuparse por atender as necesidades de gasto ás que agora di que non pode facer fronte". Tanto é así, insisten os populares, que gastou por encima das previsións. Como exemplo, o aumento de días da feira medieval, á que destinou máis recursos que o ano anterior pese á situación na que se atopa.

Tamén cuestionan os populares que o alcalde se mostre en contra da posibilidade de dirixir unha consulta ao Ministerio sobre a utilización de remanente de tesourería para o investimento da ETAP. A portavoz sinala que estas consultas fanse habitualmente desde os Concellos, e é unha posibilidade "que debemos explorar porque a alternativa que propón o alcalde é a dun novo endebedamento por importe de 300.000 euros". Os populares pregúntanse por que se nega a efectuar esa consulta, antes de seguir esa dinámica de endebedamento que o caracterizou durante os seus anos de goberno. "Xa estamos afeitos a que nos diga que hai cousas que non se poden facer, e que despois resulta o contrario, polo que neste caso, o asunto é o suficientemente importante, como para que o consulte e solicíteo", inquire.

Julia Rodríguez invita ao Goberno local a revisar os informes de Intervención nos que se indica que a axudas da Xunta superan en 220.000 euros as do ano pasado mentres que as da Deputación baixan de xeito apreciable. A portavoz esíxelle ao rexedor que explique o motivo deste descenso, se non as vai a pedir, se é que non llas dan ou hai outro motivo. "O primeiro que ten que facer é cuantificar cales vai solicitar e cales pensa recibir porque atendendo aos datos de Intervención non figuran axudas que sí se recibiron o ano pasado", conclúe.

Novas

Redes Sociais