Novas

Xoves, 21 de agosto de 2014

Os populares demandan que se destine o remanente de tesourería a financiar os investimentos previstos, a obtención de financiamento externo, así como medidas de reorganización de servizos

O PP presenta as medidas concretas coas que obter financiamento para atender as axudas e subvencións a familias, asociacións e festas

A moción será debatida no Pleno de setembro

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que formula propostas concretas que permitan obter financiamento suficiente para atender as axudas e subvencións a familias, asociacións sen ánimo de lucro e festas parroquiais na medida en que non figuran incluídas na prórroga do Orzamento de 2013.

O PP propón que se adopten tres medidas concretas, relacionadas co remanente de tesourería, a obtención de financiamento externo, así como medidas de reorganización de servizos. Todas elas están dirixidas a obter financiamento suficiente para atender as axudas e subvencións sinaladas.

Os populares piden que se destine o remanente de tesourería para financiar investimentos previstos no orzamento prorrogado a fin de liberar crédito para poder destinalo a transferencias, considerando como investimentos financeiros sostibles susceptibles de financiamento con remanente de tesourería as seguintes:

1. Investimento de reposición en infraestruturas e bens destinados a uso xeral (POS 2013 e 2014 Saneamento Juan Montes Fase I e II)

2. Equipos para procesos de información (sistema de alarma ETAP)

3. Investimento e reposición en terreos en bens naturais (PEIM Rural 2013-14).

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que o importe que quedaría liberado con esta operación e dispoñible para efectuar modificacións de crédito sería de 57.154,20 euros.

O PP demanda que se atendan investimentos comprometidos como a ETAP ou a obra das marxes do Cabe con remanente de tesourería. Para iso, pide que se solicite información e autorización ao Ministerio sobre a posibilidade de que o importe que debe ser atendido na anualidade 2014, correspondente á ETAP, poida ser atendido con cargo ao remanente de tesourería.

A segunda das propostas ten que ver coa obtención de financiamento externo para gastos previstos no Orzamento que permitan liberar crédito e transferilo a estas partidas. En concreto, solicitar da Deputación de Lugo axudas e transferencias correntes nos seguintes ámbitos:

1. Cultura e festas: 132.000 euros

2. Xuventude activa: 47.000 euros

3. Deporte, mantemento e actividades: 40.000 euros

4. Mercados temáticos: 60.000 euros

5. Entroido: 14.000 euros

6. Axuda a domicilio: 52.345 euros

7. Deportes e escolas deportivas: 1.400 euros

8. Deportes: 12.100 euros

9. Expropiacións: 8.000 euros

As cantidades anteriores, explica o PP, de conseguirse as subvencións na súa totalidade, permitirían liberar crédito por importe de 366.845 euros, de maneira que aportarían unha cantidade máis que suficiente para garantir as transferencias. No caso de que non se solicitasen ou obtivesen estas subvencións o PP fai unha proposta máis, relacionada con medidas de reorganización de servizos.

Julia Rodríguez precisa na moción que as cantidades que habería que dotar e ser obxecto de modificación de crédito para garantir as transferencias propostas "son facilmente superables coas medidas propostas".

Novas

Redes Sociais