Novas

Sábado, 23 de agosto de 2014

Os populares propoñen que o Goberno local asuma a organización dos mercados temáticos con recursos propios e que reduza a súa frecuencia

O PP aposta por reducir gasto corrente para facer fronte ás axudas a entidades deportivas, asociacións e festas parroquiais

O Grupo Municipal do PP avoga por eliminar os gastos da consultora Ainet, reducir os gastos de subministro, os de limpeza de instalacións e que o Concello non asuma facturas que non lle corresponden

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que formula propostas concretas que permitan obter financiamento suficiente para atender as axudas e subvencións a familias, asociacións sen ánimo de lucro e festas parroquiais na medida en que non figuran incluídas na prórroga do Orzamento de 2013.

O PP propón que se adopten tres medidas concretas, relacionadas co remanente de tesourería, a obtención de financiamento externo, así como medidas de reorganización de servizos. Todas elas están dirixidas a obter financiamento suficiente para atender as axudas e subvencións sinaladas.

As medidas de reorganización de servizos que propón o PP son cinco. A primeira delas ten que ver coa redución na frecuencia coa que se organizan mercados temáticos. Os populares demandan ademais que esta actividade sexa coordinada polas áreas de cultura e promoción económica, de maneira que se organicen con recursos propios do Concello e non a través da contratación dunha empresa externa que ademais non é de Monforte.

Esta proposta traería consigo un aforro de 15.000 euros no que queda de ano.

A segunda das iniciativas pasa por eliminar os gastos mensuais da consultora Ainet Consulting relacionados coa páxina web. O PP suxire que a actualización de contidos sexa asumida cos recursos propios do Concello en materia informática e a colaboración do persoal de confianza no que se refire á redacción de contidos. Esta decisión traería consigo un aforro de 6.000 euros no que resta de 2014.

Tamén se cita, como terceira medida, a redución de gastos de subministros varios, como teléfono ou luz, a través da revisión dos contratos coas empresas subministradoras de cara a obter as condicións máis favorables. Proponse ademais tramitar os expedientes de contratación doutros subministros como os de combustibles para vehículos municipais ou calefacción para as instalacións do Concello, a fin de racionalizar o gasto que representan.

En cuarto lugar, o Grupo Municipal do PP avoga por reducir os gastos de limpeza das instalacións municipais regularizando os contratos que se manteñen de xeito irregular e sen tramitar o correspondente expediente de contratación, tal e como advirten de xeito reiterado os reparos de Intervención. O Goberno local abona 187.000 euros anuais por limpeza de instalacións, polo que a súa regularización suporía un importante aforro.

Para rematar, os populares piden que se deixen de pagar facturas que o Concello non debe asumir e estanse pagando de forma regular.

O PP cita tamén na moción unha partida no Capítulo I de gastos de persoal que previsiblemente non se executará e que ascende a 200.000 euros, polo que pide aos nacionalistas que fagan as transferencias e modificacións de crédito necesarias para atender as axudas e subvencións.

Julia Rodríguez precisa na moción que as cantidades que habería que dotar e ser obxecto de modificación de crédito para garantir as transferencias propostas "son facilmente superables coas medidas propostas".

Novas

Redes Sociais