Novas

Sábado, 23 de agosto de 2014

Os populares aseguran que é vontade política do alcalde facer oídos xordos á proposta do PP, pese a que Intervención recoñece no seu informe que se liberan 206.000 euros, cando a cantidade necesaria para facer fronte ás subvencións ascende a 101.000 euros

O PP afirma que as súas medidas para o pago de axudas a colectivos, clubs e festas son "eficaces e suficientes"

Julia Rodríguez esíxelle ao alcalde que pida informe ao Ministerio para saber se pode destinar a investimentos o remanente de tesourería

O Grupo Municipal do PP de Monforte considera, tras analizar o informe de Intervención sobre as propostas concretas dos populares para obter financiamento para atender as axudas e subvencións a familias, asociacións sen ánimo de lucro e festas parroquiais, que as súas medidas "son eficaces e suficientes".

Desde Intervención establécese que o importe total a dotar é de 101.000 euros, para atender as subvencións para material escolar, subvencións para o bus universitario, para entidades deportivas, para o mantemento do Museo da Arte Sacro, festas parroquiais e subvencións a asociacións culturais. As medidas concretas propostas polo PP permitirían liberar, tal e como di o informe de Intervención, 206.000 euros, máis do dobre do que se necesita para atender as axudas.

Aínda que, desde o departamento municipal precísase que existen outros compromisos firmes adquiridos polo Concello que elevan a cantidade necesaria para modificar os Orzamentos de 2013 a 614.200 euros. Trátase do pago pola obra de ampliación e mellora do sistema de auga potable, da partida para adecuación das marxes do Cabe e do diñeiro para facer fronte á sentenza que obriga ao Goberno local ao pago de 44.000 euros por condena a intereses.

Urxe a consulta ao Ministerio

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, asegura que se o alcalde non fai fronte ao pago de subvencións é "por falla de vontade política". O informe di que as propostas do PP liberan o crédito suficiente para abonar as subvencións, polo que esiximos que consulte ao Ministerio sobre a posibilidade de destinar o remanente de tesourería a investimentos, "para que o problema se resolva dunha vez por todas".

O PP critica con dureza que o alcalde se limitara a recibir a proposta do PP sen realizar ningunha xestión co Ministerio. "Non ten sentido que se nos pida que fagamos unha proposta e que logo interesadamente non se atenda unha solución que semella viable", esgrime a portavoz.

Pregunta no Pleno

Por iso, o Grupo Municipal do PP preguntará no próximo Pleno se, tal e como pediron os populares, o Goberno local xa dirixiu a consulta ao Ministerio para que se autorice o pago dos compromisos en investimentos con remanentes de tesourería, e de non terse realizado, se pensan facelo e cando. Rodríguez expón que o PP "sabe o que di a Lei como tamén sabe que en determinados casos, e previa consulta, autorízanse actuacións excepcionais".

"Queremos saber se a consulta se fixo ou non, posto que o alcalde tennos afeitos a pedir todo tipo de informes, ata externos, para xustificar sempre o que a el lle interesa. É o momento de dar instrucións para que formule esa consulta que a el non lle custará nada e que tanto interesa aos monfortinos", engade a popular. Julia Rodríguez precisa ademais que foi o nacionalista "o que nos meteu no problema sen que agora estea disposto a facer nada útil para solucionalo".

Novas

Redes Sociais