Novas

Mércores, 3 de setembro de 2014

O Grupo Municipal Popular adopta esta decisión despois de que o alcalde non queira atender a proposta dos populares e se negara a consultar as opcións do remanente de tesourería ante o Ministerio de Facenda

O PP propoñerá que as asociacións, clubs deportivos e colectivos cobren as anualidades de 2014 e 2015 cando se aproben os Orzamentos

Julia Rodríguez explicará a proposta do seu grupo o luns nunha reunión cos afectados

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, anuncia que o seu partido propoñerá que as asociacións, clubs deportivos e todos aqueles colectivos que se viron prexudicados pola nefasta xestión do Goberno local reciban as axudas das dúas anualidades, 2014 e 2015, unha vez que o Concello aprobe os Orzamentos en xaneiro. O PP toma esta medida despois de que o alcalde se negara a atender a proposta dos populares con medidas concretas para pagar as subvencións e trala negativa dos nacionalistas a consultar co Ministerio de Facenda as opcións do remanente de tesourería.

"Xa que non accede á nosa proposta nin busca solucións alternativas, propoñeremos que convoque as axudas e que os afectados poidan xustificar e cobrar os gastos das dúas anualidades, 2014 e 2015, para que non perdan as subvencións que lles correspondían", explica a popular Julia Rodríguez.

O Grupo Municipal do PP convocará estes días ás asociacións e colectivos para que acudan a unha reunión o vindeiro luns na que lles darán a coñecer esta iniciativa, que posteriormente elevarán ao Pleno do Concello.

Deste xeito, as asociacións, clubs e colectivos poderán xustificar os gastos correspondentes ás dúas anualidades e recibir as axudas de 2014 e 2015, de maneira que non perderán as cantidades que corresponden ao presente exercicio.

"Pediremos que se inclúa a dotación necesaria nos Orzamentos de 2015 para atender as dúas anualidades, a de 2014 e 2015, e que unha vez se aproben se saque a convocatoria para que os interesados poidan recibilas canto antes", expón a portavoz.

Novas

Redes Sociais