Novas

Martes, 9 de setembro de 2014

O Grupo Municipal do PP valora a participación das asociacións, clubs e colectivos na reunión celebrada onte na que os populares explicaron a proposta que levarán ao próximo Pleno

O PP agradécelle ao alcalde a súa intención de atender a proposta do PP e pagar as axudas de 2014 e 2015 en xaneiro e espera que non sexa un novo engano

Julia Rodríguez asegura que todo responde a unha estratexia do Goberno local para aprobar o Orzamento do ano próximo que a el lle interese, á marxe do Pleno

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, agradécelle ao alcalde que rectifique a súa postura e estea disposto a atender a proposta dos populares na que lle piden que unha vez aprobe os Orzamentos do próximo exercicio inclúa a dotación precisa para atender as axudas e subvencións de asociacións, clubs e colectivos nas anualidades de 2014 e 2015. Os populares esperan que esta rectificación non responda a un novo engano por parte do Goberno local.

Nas primeiras reunións que o rexedor mantivo cos afectados descartou esta posibilidade, polo que os populares valoran a rectificación do Goberno local, xa que as asociacións e entidades "non teñen que verse prexudicadas pola súa nefasta xestión ao longo de todo este ano".

"Logo de insistir en que non existe solución e que todo é culpa da oposición, esperamos que agora pronuncie o mea culpa e recoñeza que a alternativa que propón o PP é a mellor posible e a que resolve o problema que el mesmo creou", expón Rodríguez.

Unha estratexia planificada

O Grupo Municipal do PP considera a actitude do Goberno local responde a unha estratexia perfectamente planificada para aprobar o Orzamento de 2015 sen a supervisión da oposición, como así farán ao referendalo en xaneiro en xunta de goberno. "Pretende aprobar o Orzamento que el quere endebedando novamente aos monfortinos coa contratación dunha nova operación de crédito como vén facendo nos últimos once anos, desde que é alcalde", explica a popular.

Julia Rodríguez asegura que "non lle importou a incerteza que creou nos colectivos e as familias para conseguir chegar ás eleccións con diñeiro e coas contas que lles interesa". Engade que ademais aproveitou para intentar desgastar á oposición cando foi a única que propuxo medidas concretas para saír da situación creada polos nacionalistas.

Reunión cos afectados

O PP mantivo onte unha reunión cos afectados para explicarlles que levarán ao próximo Pleno unha iniciativa para que exista un acordo da Corporación que comprometa a inclusión do orzamento necesario para cubrir as anualidades de 2014 e 2015 e para que poidan xustificar os gastos dos dous exercicios.

"Esperamos que a solución proposta polo PP resolva definitivamente a polémica e desapareza a incerteza que se lle provocou ás asociacións e familias durante este tempo, sempre coa confianza de que o Goberno local atenda a nosa proposta e pague aos colectivos as axudas do 2014, aínda que con cargo ao Orzamento do 2015", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais