Novas

Sábado, 13 de setembro de 2014

O Grupo Municipal Popular presenta unha moción para que o Concello demande que os organizadores adopten as medidas pertinentes ou sexa o Goberno local o que habilite os medios adecuados

O PP esíxelle ao Goberno local que garanta protección e seguridade cidadá nos eventos que contan con financiamento municipal

Julia Rodríguez pide ademais que as zonas públicas onde se desenvolven recuperen o seu estado de limpeza normal o máis axiña posible

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan que o Goberno local dispoña o necesario para garantir a protección e seguridade cidadá nos eventos que, como o Festival do Paradiso, contan con financiamento municipal, xa sexa esixindo aos seus organizadores que adopten as pertinentes medidas de seguridade ou poñendo a disposición os recursos municipais para ese efecto, concretamente, a través de efectivos da Policía Local ou aqueles que estime convenientes.

Solicitan tamén que o Concello garanta que as zonas públicas onde se desenvolven estes eventos recuperar o seu estado óptimo de limpeza o máis axiña posible.

Necesidade de máis actuacións

Os populares recordan a campaña anunciada o pasado nove de setembro polo Goberno local para loitar contra o consumo abusivo de alcol entre os máis novos. Neste sentido, o PP pide que desde a Concellería de Igualdade en coordinación coa Concellería de Mocidade e Sanidade se incrementen as actuacións dirixidas a previr e evitar o consumo de alcol e drogas entre menores e de prácticas como o sexting neste tipo de eventos que degradan e agreden a dignidade das persoas, sobre todo das mulleres e especialmente das menores, as máis afectadas por estas prácticas.

O PP explica na súa moción que é sabido que "este tipo de eventos no que se concentra un gran número de mozos préstanse ao consumo de drogas e alcol ás veces por parte de menores de idade". Sobra mencionar, precisan, o suceso do que se fixo eco a prensa relacionado cun vídeo de alto contido sexual gravado no transcurso do Festival do Paradiso.

Queixas dos veciños

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, sostén que o Grupo Municipal Popular recibiu queixas de veciños que ao longo do día seguinte á celebración do festival comprobaron o estado no que estaba o parque con gran acumulo de lixo, máis aló das nove da noite do día seguinte. Denuncia ademais queixas pola ausencia de persoal de seguridade ou membros da Policía Local que puidesen evitar situacións como a relatada.

Os populares consideran que os recursos públicos que o Festival do Paradiso recibe do Concello fano garante da súa seguridade xa sexa esixindo ás súas organizadores que adopten as medidas oportunas ou poñendo a disposición os recursos municipais necesarios. O Goberno local debe garantir ademais que o máis axiña posible as zonas públicas onde se desenvolven estes eventos recuperen o seu estado de limpeza normal.

Novas

Redes Sociais