Novas

Martes, 23 de setembro de 2014

O Grupo Municipal do PP considera que o Concello debe solicitar a axuda da Xunta para mellorar e renovar as instalacións

O PP demándalle ao Goberno local que garanta o bo estado de mantemento da rede eléctrica municipal

Pide que se reparen os postes da luz de madeira que aínda existen en diversos puntos da cidade que perderon a verticalidade, presentan cableados descolgados ou ata soltos sobre a beirarrúa

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao equipo de Goberno a que promova as auditorías necesarias para garantir o bo estado de mantemento da rede eléctrica municipal, tanto no que corresponde ao alumado público como a instalacións ou conducións que se sitúan ou discorren por zonas ou vías públicas, solicitando para iso a colaboración da Xunta.

Os populares queren ademais que o Goberno local solicite da empresa responsable do subministro eléctrico a renovación e adecuado mantemento das instalacións eléctricas que, discorrendo sobre viais ou zonas de uso público, se atopen en estado de deterioro ou requiran reparación ou mellora, particularmente os postes da luz de madeira que aínda existen en diversos puntos da cidade que perderon a verticalidade, presentan cableados descolgados ou ata soltos sobre a beirarrúa.

En terceiro lugar, o Grupo Municipal do PP solicita que se realicen as xestións necesarias, como a solicitude de subvencións convocadas para ese efecto, para proceder ao paulatino soterramento das conducións eléctricas que afean de forma notoria rúas e fachadas.

Axudas da Xunta

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, recorda que a Xunta ofrecía recentemente a todos os concellos colaboración para facer auditorías e comprobar o estado das instalacións eléctricas e dos miles de puntos de luz existentes.

O PP de Monforte cuestionou no seu día que durante anos non se fixo nada para promover o soterramento dos cableados eléctricos que afean de forma manifesta as fachadas da cidade, pero tamén representan nalgúns casos un risco para os usuarios. A portavoz do PP explica que o seu grupo é coñecedor tamén do estado de abandono dalgunha instalación en parroquias que con reiteración foi denunciada polos veciños polo risco que representaba.

No seu día os populares presentaron ademais un rogo no que se solicitaba a adecuada pechadura e illamento dunha instalación con conexións eléctricas situada nas inmediacións dun parque infantil, que era facilmente accesible para os menores.

Novas

Redes Sociais