Novas

Xoves, 18 de setembro de 2014

O Grupo Municipal do PP reitera que "as empresas de Monforte deben ter as mesmas oportunidades que as consultoras foráneas vinculadas ao BNG desde fai anos"

O PP denuncia a proliferación de pagos do Goberno local ás empresas de cabeceira do BNG, sen contrato e con reparos de Intervención

O equipo de Goberno abonou 438.398 euros a cinco firmas sen formalizar contrato nos últimos dez anos

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia a proliferación de pagos por parte do Goberno local a empresas consultoras sen contrato co Concello e con continuos reparos ás facturas que emiten por parte do servizo de Intervención municipal. En concreto, trátase de cinco empresas "de cabeceira" do BNG ás que o equipo de Goberno recorre para facer "todo tipo de traballos", moitos deles de difícil xustificación ou fóra do prezo de mercado, como a elaboración de informes ou asesoramento técnico.

O PP de Monforte reitera, tras levar esta problemática ao Pleno, que todas as empresas da cidade do Cabe "deben ter as mesmas oportunidades que as firmas foráneas vinculadas ao BNG e que, de xeito sistemático, desde que os nacionalistas se fixeron co bastón de mando, desenvolven os seus traballos para o Goberno municipal".

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que "se unha empresa de fóra de Monforte consegue realizar un servizo para o Concello, sen que se formalice un contrato e con reparos de Intervención por cada unha das facturas que lle abona o Goberno local, significa que as empresas da cidade non teñen a posibilidade de optar a realizar ese traballo, o que nos parece un agravio comparativo intolerable".

Cinco consultoras de cabeceira

O Grupo Municipal do PP puido comprobar a existencia de cinco consultoras de cabeceira no Concello con sede social fóra de Monforte que nos últimos dez anos recibiron a cantidade de 438.398 euros do Concello, malia contar con reparos de Intervención a eses pagos e non ter contrato coa administración local. Existen ademais outras empresas exemplo destas prácticas, polo que o número de reparos levantados polo alcalde ao longo destes anos é moito maior.

Estas firmas son Comunicación Gráfica S.L. con sede en Vigo, Reverso comunicación, cultura e lingua s.l, con sede en Bertamiráns, Ainet consulting, Eventic consulting e Rural consulting, estas tres últimas con sede en Allariz.

En concreto, á empresa Rural Consulting abonáronselle 215.148 euros desde febreiro de 2004 a decembro de 2013 por servizos tan variados como:

- 3000 euros polo deseño das casetas de madeira e sinais para o casco antigo

- 6.700 euros polo estudo do edificio da praza de abastos

- 14.800 euros por asesoría na área de promoción económica en 2009.

O PP denuncia esta situación unha vez máis tras revisar a documentación municipal entregada polo Goberno local e considerar que os empresarios e veciños de Monforte teñen dereito a coñecer "o uso e abuso que o BNG fai dos recursos públicos de todos en beneficio destas firmas de fóra da cidade sen contar tan sequera co aval dos servizos municipais".

Novas

Redes Sociais