Novas

Sábado, 27 de setembro de 2014

O Grupo Municipal Popular pon ao descuberto que o Goberno local presenta máis do 10% de inexecución do gasto en cada un dos tres últimos anos, pese a rematar o 2013 cun remanente de tesourería de 2 millóns de euros

O PP censura que o alcalde non invista no arranxo de Santo Domingo cando as existencias de tesourería ascenden a 1,2 millóns de euros

Julia Rodríguez denuncia que o equipo de Goberno non teña a vontade política necesaria para acometer estas actuacións mentres segue dilapidando os recursos públicos na contratación de empresas de cabeceira do BNG de fóra de Monforte

O Grupo Municipal do PP de Monforte censura que o alcalde non invista no arranxo de Santo Domingo, así como en actuacións similares noutras rúas da cidade, cando as existencias de tesourería do ano 2013 ascenden a 1,2 millóns de euros, tal e como reflicte a conta xeral que o equipo de Goberno presentou para a súa aprobación no Pleno do próximo luns.

En concreto, a portavoz do PP, Julia Rodríguez, pon ao descuberto que o Goberno local ten máis do 10% de inexecución do gasto en cada un dos tres últimos anos, malia rematar o exercicio de 2013 con dous millóns de euros de remanente de tesourería e 1,2 millóns de euros de existencias de tesourería no arqueo do 31 de decembro pasado.

Desde o PP consideran que as existencias de tesourería están dispoñibles, na súa maior parte, sen que o Consistorio entre en desequilibrio, polo que se interesan por coñecer os motivos que levaron aos nacionalistas a non investilos en obras tan necesarias e reclamadas polos veciños do Cabe como as de Santo Domingo ou as melloras demandadas para o mercado gandeiro. "Poderían telas asumido sen incorrer en inestabilidade orzamentaria", explica a portavoz quen engade que o rexedor "négase a realizar investimentos sostibles baixo a escusa de que acometerá grandes proxectos e ataca a outras administracións cando son actuacións que corresponden ao Goberno municipal e para as que ten fondos".

Desde o Grupo Municipal do PP invitan ao rexedor a dar cumprimento aos acordos plenarios relacionados coa mínima reparación das rúas e do mercado gandeiro, así como a atender aquelas demandas cidadás que están apoiadas por máis de 1.000 firmas nas que se pide a urxente reparación, como é o caso da Rúa de Santo Domingo. "Lamentamos que tendo diñeiro para facer esta obra non dispoña da vontade política necesaria mentres segue dilapidando os recursos públicos na contratación de empresas de cabeceira do BNG de fóra de Monforte", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais