Novas

Martes, 16 de xullo de 2013

O Grupo Municipal Popular demanda que se modifique a solicitude de exclusión definitiva do censo oficial de zonas de baño precisando que a baixa sexa só para a tempada 2013

O PP insta ao Goberno local a acometer as xestións necesarias dirixidas á posta en funcionamento da área de Ribasaltas como zona de baño pública e gratuita

Julia Rodríguez pide ademais que se leven a cabo as obras precisas na fosa séptica existente augas arriba de Ribasaltas para evitar verquidos que afecten á calidade da auga Os populares presentan un rogo para que se sinalice un afundimento no terreo próximo ao local social e ao palco de música

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que se acometan as xestións necesarias, de carácter presupuestario e doutro tipo, dirixidas á posta en funcionamento do Área Recreativa de Ribasaltas como zona de baño pública e gratuita en canto as circunstancias temporais impostas pola obra da VAP Sarria-Monforte o permitan.

Os populares solicitan ademais que o Concello modifique a solicitude de baixa definitiva do censo oficial de zonas de baño do Área Recreativa de Ribasaltas precisando que a exclusión sexa só temporal para o ano 2013. Para rematar, o PP pide o apoio do Pleno para acometer as obras necesarias na fosa séptica existente augas arriba da zona de baño para evitar verquidos que afecten á calidade da auga.

O Concello de Monforte remitiu un escrito á Consellería de Sanidade en xaneiro de 2013 no que solicitaba a baixa definitiva da zona de baño do Área Recreativa de Ribasaltas. Entre as causas citábase o baixo nivel do caudal, as alteracións do auga debido ao aporte de material das obras do corredor, a falta de instalacións para o aseo, a falta de persoal de seguridade e a falta de recursos económicos para manter a zona en condicións adecuadas.

O PP, contrariamente ao que argumenta o Concello, defende que a zona, a pesar do descoido que presenta, conta cunha ampla zona verde de merendeiro, aparcamento, locais públicos que poderían servir para determinados servizos en época estival, así como a súa ubicación, próxima ao centro urbano, e a súa fácil accesibilidade, características que a converten nun lugar óptimo para albergar unha praia fluvial. Os populares explican ademais que recibiron queixas dos veciños de forma reiterada nas que lamentan que non se dispoña dunha zona fluvial pública e gratuita en Monforte.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, esgrime que dos argumentos do alcalde algúns "non se sosteñen" e outros requiren dunha actuación antes de pedir a baixa definitiva. Así, nega que non existan instalacións que poidan prestar servizos para o aseo. Recorda que a Xunta convoca axudas para a disposición de socorristas nestas áreas e que as obras da VAP teñen un carácter temporal. En relación coa calidade do auga, o PP considera que este aspecto "está íntimamente relacionado coa falta de actuación do Concello en materia de saneamento".

O Grupo Municipal do PP aporta argumentos que desmontan punto por punto a petición do Concello que consideran "errónea" por pedir a exclusión definitiva do área recreativa de Ribasaltas.

Sinalización dun afundimento

Os membros do PP de Monforte visitaron estes días a zona de Ribasaltas onde constataron a existencia dun importante afundimento no terreo nunha zona de tránsito situada á beira do río entre o local social e o palco de música. Trátase dun buraco dun metro de diámetro cunha profundidade aproximada dun metro que non conta con medidas de seguridade nin sinalización algunha, salvo unha travesa de cemento que o cruza.

O Grupo Municipal do PP presentou un rogo para o próximo Pleno no que solicitan ao Goberno local que "o máis axiña posible" adopte medidas de seguridade, sinalización e reparación do afundimento para evitar danos ás persoas que transiten polo lugar e non advirtan a súa presenza.

Novas

Redes Sociais