Novas

Martes, 30 de setembro de 2014

O Grupo Municipal do PP presentou un rogo no Pleno de onte no que demandan que os domingos se retiren os cristais depositados na zona durante a noite

O PP pídelle ao Concello que manteña en bo estado o Parque da Compañía e a explanada do Colexio dos Escolapios

Julia Rodríguez considera que a seguridade debe garantirse todos os días da semana

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou un rogo no Pleno celebrado onte no que demandan que se leven a cabo as actuacións oportunas para garantir que non volvan existir cristais na contorna do Parque da Compañía e na explanada do Colexio dos Escolapios que poidan poñer en perigo a integridade dos nenos e nenas que transitan pola zona.

O PP presenta esta petición posto que "non é a primeira vez que, sobre todo en domingo, os usuarios do parque atopan cristais en ambos lugares produto, presumiblemente, da conduta pouco cívica das persoas que acoden ou pasan polo parque e pola explanada o sábado pola noite".

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que non é apropiado que precisamente os domingos, cando os pais levan aos seus fillos ao Parque da Compañía, existan cristais no chan co evidente perigo que supón, máxime cando non son recolleitos en todo o día.

"Creemos que tamén o fin de semana se debe limpar e acondicionar a zona para garantir a seguridade de todos os usuarios", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais