Novas

Martes, 7 de outubro de 2014

A oferta da empresa recolle a construción dunha fonte cibernética interactiva por un importe de 288.000 euros

O PP denuncia que o Concello gastase máis de 141.000 euros nunha fonte cando Aqualia tiña o compromiso de realizar ese investimento

Os populares demandaron onte que as facturas abonadas polo Goberno local pasen a formar parte da comisión para determinar os prexuízos derivados deste novo incumprimento por parte da concesionaria

O Grupo Municipal do PP denunciou onte na reunión da comisión informativa de Aqualia a existencia dun pago de 141.137 euros por parte do Goberno local pola instalación da fonte do Parque dos Condes, cando se trata dunha actuación que recolle a oferta de Aqualia e na cal a concesionaria se comprometía a investir 288.000 euros pola realización dunha obra máis ampla que a que executou o alcalde.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, solicitou que as facturas do pago por parte do Concello se acheguen á documentación que manexa a comisión informativa para determinar os prexuízos que poden derivarse deste novo incumprimento da concesionaria. "Non só non realizaron o investimento que ofertaron, senón que o Concello asumiu uns custos que lle correspondían a Aqualia", resume a popular.

O Grupo Municipal do PP non só denuncia que o Goberno local asumise gastos que tiña comprometidos a empresa concesionaria da auga, senón que ademais a obra executada dista de xeito significativo da proposta por Aqualia. Na oferta aparece con todo luxo de detalles a construción dunha fonte cibernética interactiva con estanque, iluminación, equipos musicais e efectos cromáticos, de maneira que "nada ten que ver coa que sufragou o Concello".

Os populares demandan información para saber por que a concesionaria deixou de realizar un investimento comprometido no contrato, así como os motivos que levaron ao Concello a realizar ese gasto cando podería terse destinado a outras infraestruturas máis necesarias para a cidade.

Novas

Redes Sociais