Novas

Sábado, 11 de outubro de 2014

O Grupo Municipal Popular presentará unha moción para o próximo Pleno na que piden explicacións sobre o atraso na reapertura despois de que pasaran tres anos desde a finalización do prazo de execución da obra

O PP esixe a inmediata posta en funcionamento do centro da terceira idade do Paseo do Malecón

Julia Rodríguez interésase ademais pola contratación de empresas de fóra de Monforte para amoblar o centro, así como por outras facturas que contaron con reparos por parte de Intervención

O Grupo Municipal do PP presentará unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que se interesa polos motivos polos que o Goberno local mantén pechado o centro da terceira idade do Paseo do Malecón, pese a que transcorreron tres anos desde a finalización do prazo de execución das obras de reforma e malia atoparse rematado e amoblado. Por iso, os populares esixen a súa inmediata posta en funcionamento.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que existe un importante número de potenciais usuarios deste centro que se ven privados da posibilidade de facer uso do mesmo como consecuencia da demora que sofre a súa reapertura. Rodríguez precisa ademais que "a día de hoxe descoñécese se existen incidencias en canto ao pago dos gastos de execución, os custos definitivos da obra, cuxa financiamento asume a Deputación de Lugo, ou cal é o motivo polo que despois do tempo transcorrido non se puxo en funcionamento o centro nin a cafetería, incumprindo non só o contrato, senón o manifestado polo alcalde fai agora un ano".

Contratación de empresas de fóra

Os populares piden tamén explicacións ao rexedor sobre a existencia de varios reparos de Intervención correspondentes ao mobiliario para a cafetería do centro, xa que o Goberno local fraccionou o contrato, que superaría os límites do contrato menor, para eludir os correspondentes requisitos de adxudicación. Concretamente, trátase de tres facturas expedidas por Mercantil Española de Refrigeración por importe total de 37.000 euros.

O reparo sinala expresamente que "existe un fraccionamento do contrato" en tres facturas que se refiren todas elas a mobiliario para a cafetería da terceira idade, cuxo importe supera os límites do contrato menor, vulnerando así o establecido na Lei de Contratos do Sector Público, cando sinala "non poderá fraccionarse un contrato coa finalidade de diminuír a contía do mesmo e eludir así os requisitos de publicidade ou os relativos ao procedemento de adxudicación que correspondan".

O mobiliario, de Chantada

O PP cuestiona ademais a adquisición de mobiliario a unha firma de Chantada coa que se formalizou un contrato negociado sen publicidade e con tramitación de urxencia por importe de 63.838 euros, malia que cando se tramitou tíñase constancia de que a obra estaba sen rematar e non existía necesidade inaprazable ou razóns de interese público que xustificasen a urxencia. O contrato incluía ademais de diverso mobiliario, estores por importe de 8.648 euros.

A este contrato, seguiríalle unha factura de 20.760 euros polos mobles da cafetería. Posteriormente adquiríronse butacas para o salón de actos a través dun contrato mixto coa contratista da reforma por importe de 19.000 euros máis. O cómputo global deste mobiliario suma 103.598 euros, o que obrigaría ao Goberno local a seguir outro tipo de procedemento.

"Non só mantén pechado un importante servizo para a cidade, senón que recorre a empresa de fóra cando existen firmas de Monforte que poderían asumir o traballo e ademais emprega para iso prácticas que rozan a fraude de lei", censura a portavoz.

Novas

Redes Sociais