Novas

Martes, 21 de outubro de 2014

A portavoz do PP na cidade do Cabe valora o esforzo inversor da Xunta nunha época de especial dificultade

Julia Rodríguez subliña que 2015 "será o ano no que a apertura do corredor acurte de xeito substancial a distancia entre Monforte e Lugo"

Os populares agradecen o compromiso do presidente da Xunta coa zona sur para "seguir acometendo obras importantísimas coas que se avanza na vertebración do territorio"

A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, subliña que o 2015 "será o ano no que a apertura do corredor permita acurtar de xeito substancial a distancia entre Monforte e Lugo". A portavoz valora o esforzo inversor da Xunta nunha época de especial dificultade e agrade o compromiso do presidente autonómico coa zona sur.

En concreto, o Executivo galego materializa o seu compromiso coa Comarca de Lemos a través dunha partida de 18 millóns de euros para finalizar o corredor entre Monforte e Sarria. A esta dotación hai que engadir 3,2 millóns de euros máis que o Goberno galego concede para o enlace entre o Porto Seco e a estrada C-533. Estes investimentos, xunto con outras de importante calado que figuran nos Orzamentos para 2015, como a partida para o centro de formación agroforestal, permiten "seguir acometendo obras importantísimas coas que avanzar na vertebración do territorio", explica a popular.

Comisión de Aqualia

En relación coa reunión celebrada onte no Concello no marco da comisión informativa de Aqualia, Julia Rodríguez afirma que ao argumento esgrimido polo alcalde sobre a perda da oferta da concesionaria "non se sostén". Así o puxeron de manifesto os dous comparecentes na comisión, o ex alcalde de Monforte e o secretario municipal da época.

Ambos recoñeceron nas súas declaracións que o contrato asinouse no Consistorio actual, polo que a oferta non puido perderse no transcurso da mudanza, como afirma o alcalde. Tamén explicaron que a voluminosa documentación que compón a oferta estivo durante algún tempo en Secretaría e que con frecuencia era consultado polo persoal municipal, antes de pasar a formar parte do arquivo. O anterior secretario cualificou de "inexplicable" a desaparición dun documento tan voluminoso como a oferta de Aqualia.

Desvelou ademais que en ningún momento se requiriu á empresa para pedir copia da oferta e explicou que a concesionaria comunicou o cambio de nome cando este se produciu, polo que tampouco este argumento convence aos populares sobre o extravío da documentación.

A portavoz destaca tamén as manifestacións do anterior secretario municipal nas que asegura que o procedemento de contratación levouse a cabo con arranxo á legalidade, "de maneira que bota por terra as insinuacións do alcalde nacionalista con respecto á etapa de goberno do PP". Ambos confirmaron a existencia dun informe económico, un documento que o actual Goberno local tampouco atopa.

Unha desaparición de graves consecuencias

O Grupo Municipal Popular considera "gravísimo" que a oferta contemple importantes investimentos que non chegaron a realizarse como un miradoiro en San Vicente, unha fonte cibernética, un parque acuático, un aula da natureza, así como importantes investimentos e obrigacións, tanto na rede de saneamento como na de abastecemento. "A súa desaparición ocasionou e está ocasionando prexuízos irreparables aos monfortinos", critica Rodríguez.

Entre estes figuran as obrigacións de procura ou detección de fugas para evitar perdas, a elaboración dun programa de control de vertidos, ademais dos investimentos que a concesionaria tería que realizar na rede.

"Isto sen falar da perda de contenciosos e do canon de explotación que tiña que abonar a concesionaria, ademais de moitas outras obrigacións incumpridas, o que converte a desaparición deste documento nunha cuestión de extrema gravidade e repercusión económica", esgrime a portavoz popular. Trala reunión celebrada onte o Grupo Municipal do PP pedirá nova documentación ao Concello.

Novas

Redes Sociais