Novas

Xoves, 23 de outubro de 2014

O Grupo Municipal Popular pide que se considere a suficiencia dos recursos propios do Goberno local para asumir os traballos de redacción e actualización de contidos para o portal municipal

O PP de Monforte denuncia "os elevados custos" de redacción e actualización da páxina web do Concello por parte de empresas foráneas

Julia Rodríguez esixe ademais que se complete o site en canto a contidos de interese local, actualizándoos debidamente e incluíndo enlaces de interese aprobados pola Corporación, como o do Camiño de Inverno

O Grupo Municipal do PP de Monforte denuncia a través dunha moción "os elevados custos" de redacción de contidos da páxina web do Concello. O PP desvela que entre outubro de 2011 e decembro de 2013 abonouse a Ainet Consulting (con sede en Allariz) facturas por importe de 32.595 euros por servizos informáticos e 31.130 euros a Reverso Comunicación e Lingua (con sede en Milladoiro) por redacción de contidos para a web municipal.

En total, desde 2004 ata 2013 o Concello de Monforte abonou a Ainet Consulting 57.590 euros por servizos informáticos entre os que se atopaban a programación, transformación de datos e creación do sitio web do Centro do viño (4.000 euros), a venda e implementación, xestor de contidos para web e creación de frontpage (4.130 euros).

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, critica que se trata de "prezos absolutamente excesivos en comparación cos que se barallan no mercado pola creación dunha páxina web". Rodríguez explica que "non se entende o pago destas importantes cantidades a empresas foráneas cando existen na nosa cidade asinas dedicadas á creación de páxinas web por cifras notablemente inferiores ás facturadas". Trátase de pagos que ademais, nalgúns dos casos, contaron con reparos por parte do servizo de Intervención.

Outras facturas

Ano 2011

-En 2011, ademais doutras facturas, Ainet Consulting cobrou ao Concello de Monforte 1.180 euros mensuais en outubro, novembro e decembro por servizos informáticos.

-Neses mesmos meses de 2011, Reverso Comunicación e Lingua facturaba ao Concello de Monforte, 1.180 euros mensuais por redacción de contidos informáticos para web municipal.

Ano 2012

-En 2012, Ainet Consulting percibiu 4.915 euros por servizos informáticos de promoción da festa xudía, mercados e feira medieval.

-Nese mesmo ano, Reverso facturou ao Concello de Monforte a cantidade de 1.180 euros mensuais, fóra diso os meses de setembro, outubro, novembro e decembro, en que percibiu 1.210 euros ao mes. O concepto: "redacción de contidos informáticos para web municipal". En total: 14.280 euros.

Ano 2013

-En 2013, e polo mesmo concepto, "redacción de contidos informáticos para web municipal", Reverso facturou ao Concello a cantidade de 14.520 euros (1.210 euros mensuais).

-Ese mesmo ano, pagouse a Ainet Consulting, 19.715 euros por traballos de consultoría TIC, mantemento na web municipal e creación dun microsite web dinámico (para dinamización da lingua galega).

A estes pagos hai que engadir os 600 euros que mensualmente se lle aboan a Informática Breogán polo mantemento de equipos informáticos, así como os gastos anuais de renovación do dominio e os 11.300 euros anuais que se abonan polo mantemento do programa SWAL á entidade GT3 Solucións.

Julia Rodríguez considera que cos gastos informáticos que vén soportando este Concello "non se entende que teñamos unha páxina web, con múltiples carencias, como omitir enclaves e monumentos de interese do propio Concello e enlaces como o da Asociación do Camiño de Inverno, malia existir un acordo plenario respecto diso".

Petición ao Pleno

Por todo o exposto, o Grupo Municipal do PP presentou unha moción para o seu debate no Pleno do luns na que demandan que o Goberno local considere a suficiencia dos recursos propios do Concello para asumir os traballos de redacción e actualización de contidos para a web municipal. O PP precisa que, de non estimarse suficientes os recursos propios, se xustifique a súa insuficiencia ou a conveniencia de acudir a un servizo externo para cubrir as necesidades a satisfacer en relación coa redacción de contidos informáticos para a web municipal.

Os populares solicitan que, se o servizo ten que ser asumido por empresas externas, se demande o servizo a empresas e profesionais monfortinos e a prezo de mercado. Para rematar, desde o PP esixen ademais que se complete a web en canto a contidos de interese local, actualizándoos debidamente e incluíndo enlaces de interese como o da web da Asociación Camiño de Inverno.

Novas

Redes Sociais