Novas

Sábado, 18 de maio de 2013.

O Grupo Municipal Popular solicita que a institución asuma a iniciativa aprobada hai cinco meses polo Pleno provincial

O PP pedirá no Pleno que a Deputación de Lugo cumpra o compromiso de mellora na oferta turística de rutas fluviais polos ríos Miño e Sil

- A iniciativa dos populares solicita a posta en funcionamento dun servizo de compra de billetes online, un tratamento explicativo bilingüe, así como a mellora na sinalización dos embarcadoiros e a realización de actividades de limpeza e mantemento do contorno

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan á Deputación provincial de Lugo a que cumpra co compromiso asumido na sesión plenaria do organismo de outubro en relación cunha mellora na oferta turística de rutas fluviais polos ríos Miño e Sil. En concreto, os populares piden que se corrixa o horario de atención telefónica para a reserva das rutas de catamaráns e se amplíe. Na actualidade só está operativo de luns a venres de 8:30 a 14:30 horas, cando se fai imprescindible contar con este servizo en horario de tarde e durante as fins de semana. A moción do PP pídelle á Deputación que habilite a posibilidade de compra online de billetes para as fins de semana, dado que é a parte da semana que máis solicitudes recolle e tendo en conta que desde o venres ao mediodía ata o luns non é posible efectuar reservas previas por ningún medio, agás a compra do billete no propio barco, o que implica o risco de achegarse e que non poidan adquirirse.

Desde o Grupo Municipal do PP tamén se solicita o establecemento dunha reunión de traballo na que estean presentes todas as administracións e entidades representativas da actividade privada de cara a redefinir o restablecemento dalgunha ruta suspendida e a planificación de paradas obrigadas polo interese que depara a zona. Tamén sería de utilidade, de cara aos servizos que se ofrece aos usuarios, a posta en funcionamento de infraestruturas de importante investimento, así como a mellora na sinalización e adecuación do contorno.

Por último, os populares buscan o apoio da Corporación para instar á Deputación de Lugo a que ofreza un servizo e tratamento explicativo plurilingüe que permita informar aos visitantes sobre o potencial turístico das localizacións en diferentes idiomas, o que permitiría facer máis comunicativo e accesible o trato co usuario.

Múltiples queixas

Tal e como afirman os usuarios, veciños e entidades locais e administrativas da zona, a xestión promovida polo organismo provincial en relación á oferta turística de rutas fluviais non rendabiliza nin obtén a maior eficacia na promoción turística da Ribeira Sacra lucense. Entre estes exemplos figura a testemuña do presidente da Asociación Ribeira Sacra Rural, Arturo Ruiz, que segundo recolleron os medios de comunicación manifestou "o agravio ao sector turístico".

Iniciativa aprobada en outubro de 2012

Atendendo todas as queixas, o Grupo Popular provincial levou ao Pleno en outubro de 2012 unha moción, aprobada por unanimidade, na que se instaba á Deputación de Lugo a mellorar o servizo, co fin de promocionar, por en valor e dinamizar a zona a través dun programa completo de rutas fluviais.

Na iniciativa os populares denunciaban a supresión de rutas e a reducción de paradas en áreas recreativas e paraxes. Tamén se pedía a posta en funcionamento dun servizo de compra de billetes online, un tratamento explicativo bilingüe, así como a mellora na sinalización dos embarcadoiros e a realización de actividades de limpeza e mantemento do contorno. A portavoz do PP en Monforte, Julia Rodríguez, precisa que, cinco meses despois, "a situación segue sendo a mesma".

Tanto é así que en Semana Santa mantivéronse cerradas as instalacións naúticas de Doade, en Sober, sendo o tramo de xoves Santo e o domingo de Pascua o de maior concentración de pernoctas de todo o ano na Ribeira Sacra. "É por elo que Gómez Besteiro debe asumir os compromisos aprobados en sesión plenaria", conclúe a popular.

Novas

Redes Sociais