Novas

Mércores, 17 de xullo de 2013

Os populares mostran a súa sorpresa tras coñecer que unha empresa privada será a encargada de acondicionar a parcela cando a asociación monfortina propuxo facer o mesmo traballo de xeito desinteresado

O PP de Monforte critica que a Diputación contrate unha empresa privada para asumir o mantemento da finca de Tor cando Prodeme estaba disposta a mantela gratis a cambio do uso do terreo

Julia Rodríguez avanza que o Grupo Municipal do PP estuda presentar unha moción para que o ente provincial aclare os motivos polos que non se tivo en conta a proposta de Prodeme

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá á Diputación de Lugo que explique a súa negativa a que a Asociación para a protección das persoas con discapacidade intelectual, Prodeme, asumise o mantemento da finca de Tor, tal e como viñeron solicitando desde o ano 2008 a través do seu director. Os populares critican que se contrate unha empresa privada cando a asociación monfortina estaba disposta a manter e coidar a leira gratis a cambio do uso do terreo.

Os populares mostran a súa sorpresa tras coñecer polos medios de comunicación que unha empresa privada se vai encargar de acondicionar a parcela que rodea o pazo por un importe de licitación de 42.834 euros durante un ano. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, asegura que desde Prodeme ofreceron ao ente provincial a posibilidade de acondicionar e coidar o terreo de xeito desinteresado a cambio de poder aproveitar parte dos recursos dos que dispón a leira.

En concreto, desde a asociación monfortina suscitaron a posibilidade de acondicionar algunha zona para vivero de plantas autóctonas e outra para pastorear con gando ovino de leite cuxa produción láctea se utilizaría posteriormente na elaboración de queixos ecolóxicos e artesanais de ovella. Nos seus escritos á Diputación, o director de Prodeme afirmaba que esta actividade "redundaría nun beneficio económico-laboral para este colectivo de persoas con discapacidade intelectual e que ademais a experiencia se poría a disposición de todo o sector produtivo da zona do que podería ser un referente".

Julia Rodríguez estuda presentar unha moción ao Pleno da Corporación para interesarse polos motivos que levaron á Diputación de Lugo a non ter en conta a proposta de Prodeme, unha asociación "que leva 30 anos traballando con fins sociais e sendo o seu principal obxectivo mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e a dos seus familiares".

Novas

Redes Sociais