Novas

Luns, 3 de novembro de 2014

O Grupo Municipal do PP toma esta decisión despois de que a Corporación apoiase o pasado xoves cancelar o crédito subscrito para facer fronte ao plan de pago a provedores

O PP pedirá a revisión á baixa das taxas municipais que o Goberno local incrementou co plan de axuste

Julia Rodríguez explica que esta manobra do alcalde pon en evidencia a súa estratexia "que non era outra que a de estrangular aos monfortinos, mentres segue endebedando as arcas municipais"

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no próximo Pleno da Corporación que o Goberno local realice unha revisión á baixa das taxas municipais que modificou e incrementou co plan de axuste rubricado no ano 2012. Os populares toman esta decisión despois de que o alcalde elevará ao Pleno do pasado xoves a cancelación da operación de crédito subscrita naquel momento, que anula o plan de axuste.

Os populares demandan unha revisión á baixa das taxas, entre elas a taxa por recolleita de lixo, a de instalacións deportivas ou o custo dos servizos no cemiterio municipal, cuxo incremento foi dun 300%, ao pasar de 3,29 a 10 euros. O PP pedirá que se reconsideren todas as taxas, salvo aquelas que xa foron consensuadas cos afectados.

Estrangular aos monfortinos

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que esta manobra do alcalde pon en evidencia a súa estratexia "que non era outra que a de estrangular aos monfortinos cunha subida das taxas, mentres segue endebedando ás arcas municipais". Naquel momento formalizou unha operación de crédito e agora, ao cancelar o plan de axuste, pide un novo préstamo por 600.000 euros que non acabará de pagarse ata o ano 2022.

"O alcalde decide capitalizarse e seguir endebedando ao Concello, pero non baixa a presión fiscal dos monfortinos", critica a popular. O PP rexeita novamente que se lles pidan esforzos aos cidadáns coa subida das taxas municipais, cando o Concello oponse de xeito reiterado a corrixir o sobrecusto de determinados servizos. Entre eles, o custo da web municipal, a desviación que supón o servizo do cubeo, ou o pago a avogados de fóra de Monforte, todos eles denunciados polos populares.

O PP recorda ademais que os nacionalistas seguen incrementando ano tras ano o gasto corrente, así como o pago a servizos externos, sen que se rebaixe a presión fiscal que obriga a todos os monfortinos.

Novas

Redes Sociais