Novas

Mércores, 3 de decembro de 2014

O Grupo Municipal do PP afirma que o Goberno local viuse obrigado a rectificar os Orzamentos que presentou o pasado ano, aínda que o resultado "segue sen ser o máis adecuado para a cidade nin o que os populares proporiamos, pero si mellora en relación co de hai cinco meses"

O PP favorecerá que as asociacións e clubs deportivos reciban as axudas municipais "canto antes"

Julia Rodríguez considera que a proposta do alcalde reflicte que se atenderon parte das críticas do PP, como a amortización da débeda ou a contención do gasto, "na liña do que demandamos os populares"

O Grupo Municipal do PP de Monforte favorece que os clubs deportivos, asociacións, familias e parroquias da cidade reciban as axudas municipais das anualidades 2014 e 2015 "canto antes". Por iso, o PP permitirá que o Orzamento para o exercicio próximo se aprobe, cos súa abstención, para non demorar "nin un só día" o cobro destas subvencións por parte dos colectivos da cidade.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que o Orzamento do ano 2015 elaborado polo BNG "non é o máis adecuado para a cidade, nin o que o Grupo Municipal do PP proporía, pero si mellora con relación ao de hai cinco meses". A popular considera que a nova proposta do alcalde reflicte que se atenderon parte das críticas realizadas polo PP, como o feito de que se amortice débeda ou que se conteña o gasto corrente, "na liña do que demandamos".

"O noso voto non pode ser a favor porque non compartimos o modelo de xestión do alcalde, como así viñemos denunciando, pero fomos nós os que propuxemos que se pagasen as axudas do 2014 e do 2015 ás asociacións e parroquias e imos favorecer que poidan cobrar canto antes", precisa a portavoz.

Obrigado a rectificar

O Grupo Municipal do PP considera que "foi unha actuación responsable" non apoiar os anteriores Orzamentos, entre outras cousas porque propuñan un incremento de gasto corrente de medio millón de euros, que neste proxecto redúcese en 300.000 euros. Aquela decisión foi o que permitiu que o equipo de goberno tivese que conter o gasto e así dispoñer de remanente de tesourería para amortizar débeda e acometer investimentos. No entanto, o PP lamenta "que non sexan consideradas outras propostas feitas desde este grupo".

As críticas dos populares céntranse de novo nunha política continuista na que o alcalde fai gala do seu modelo de "xestión cero" que se reflicte no tipo e alcance de investimentos propostos, e a ausencia de previsión de transferencias de capital, que revela nula capacidade para xestionar e obter financiamento para atender necesidades e novas iniciativas para a cidade.

"Valoramos que se materializaron parte das nosas propostas neste Orzamento, pero ao mesmo tempo somos críticos con moitos aspectos que non compartimos, o que nos impide apoialo", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais