Novas

Sábado, 6 de decembro de 2014

O Grupo Parlamentario Popular presentou unha Proposición non de lei para instar á Xunta a ampliar o prazo da oferta na que tamén pide que se posibilite a segregación das parcelas existentes

Julia Rodríguez pedirá no Parlamento que o prezo reducido das parcelas de O Reboredo se manteña durante seis meses

A deputada monfortina considera que a rebaixa do importe dos terreos traerá consigo unha maior accesibilidade das parcelas para empresarios locais e foráneos

A voceira do PP de Monforte e deputada Julia Rodríguez presentou a través do Grupo Parlamentario Popular de Galicia unha Proposición non de lei na que demanda instar á Xunta a facer todas as xestións necesarias co propósito de que o prezo das parcelas que se vén de publicar en relación ao Polígono Industrial de O Reboredo se manteña durante un prazo de seis meses máis aló da data de remate de presentación de ofertas. Tamén piden que se posibilite a segregación das parcelas existentes.

A empresa Suelo Empresarial del Atlántico, S.L., a quen corresponde comercializar parques empresariais en Galicia, vén de publicar as condicións para a enaxenación mediante procedemento aberto por licitación á alza de parcelas do polígono empresarial de O Reboredo. A oferta, que contempla 28 parcelas de superficies comprendidas entre 1.146 e 15.517 metros cadrados e prezos entre 24'93 e 29'32 €/m2, representa unha rebaixa do 20% no prezo habitual deste solo, o que debe servir para dar unha maior accesibilidade das parcelas aos empresarios locais e foráneos.

Julia Rodríguez explica que o polígono mantén unha escasa ocupación relacionada co elevado prezo das parcelas e coa imposibilidade da súa segregación para reducir o seu tamaño. “Son estas circunstancias as que levaron aos empresarios locais a instalarse en zonas urbanas ou en polígonos de Concellos limítrofes”, engade.

A deputada considera que o prazo de presentación de ofertas de adquisición, ata o 4 de decembro, é insuficiente para que a oferta teña a difusión necesaria e para que poida traducirse na enaxenación de parcelas e instalación de empresas, tal e como se persegue. Por elo, considera necesario prorrogar o prezo das parcelas durante seis meses máis permitindo así a posibilidade de segregalas para non dificultar o acceso aos empresarios que precisen de terreos de inferior superficie.

Novas

Redes Sociais