Novas

Martes, 16 de decembro de 2014

A portavoz do PP considera que na reunión da comisión informativa de onte quedou demostrado que o alcalde "trazou unha estratexia infame" para acabar co Goberno dos populares

Julia Rodríguez lamenta que "nin os membros do BNG atopen explicacións sobre a desaparición da oferta de Aqualia"

O ex concelleiro nacionalista que interveu recoñeceu que existía unha copia da documentación na sede da súa formación

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, lamenta que "nin os propios membros do BNG atopen explicacións sobre a desaparición da oferta de Aqualia" tal e como quedou reflectido onte por parte do ex concelleiro que participou como comparecente na comisión informativa sobre a adxudicataria do servizo de auga e abastecemento.

A popular coincide co ex edil en que o BNG foi incapaz de facer autocrítica na xestión, pese a que el mesmo confirmou que existía unha copia do contrato na sede dos nacionalistas. Julia Rodríguez recorda que a documentación permaneceu perdida durante once anos, sen que o BNG se molestase por atopala para obrigar así á empresa a cumprir coas súas obrigacións.

O Grupo Municipal do PP considera ademais que na reunión de onte quedou demostrado que o alcalde operou atendendo a "unha estratexia infame" que o único que pretendía era acabar co goberno encabezado por Nazario Pin. Así se desprende das afirmacións do ex membro do BNG e portavoz da plataforma cidadá nas que sostén que dita plataforma non coñecía os termos do contrato nin a auga subira, senón que se utilizaron os cambios na taxa de saneamento para enviar unha mensaxe que se instrumentalizou con fins electorais.

"O único obxectivo que tiña Severino Rodríguez era o gañar as eleccións, sen importarlle que para iso tivese que mentir e capitanear unha mobilización cidadá", explica a popular. "Empezaron na oposición reclamándoo todo e cando chegaron ao goberno paralizaron todas as súas demandas e volveron enganar aos monfortinos, por iso a día de hoxe o contrato segue sen cumprir e sen que ninguén explique os motivos", engade.

"Enganaron con fins electorais, cuestionaron un contrato que era favorable para a cidade e recollía importantes investimentos e melloras no servizo sen importarlle as consecuencias, prometeron man dura coa empresa e non só perderon o documento que a comprometía, senón que non fixeron nada durante anos para facerlle cumprir coas súas obrigacións. Por si isto fose pouco, provocaron unha condena por desequilibrio económico de consecuencias gravísimas para todos os monfortinos", precisa.

Julia Rodríguez indica que as comparecencias desta comisión están evidenciando a gran mentira que se fraguou en torno ao contrato do servizo de abastecemento e o gran engano que se mantivo durante estes anos por parte do BNG con Severino Rodríguez á fronte. "El conseguiu os seus obxectivos, pero as consecuencias pagarémolas todos", conclúe.

Novas

Redes Sociais