Novas

Martes, 23 de decembro de 2014

O Grupo Municipal do PP presenta unha moción na que demanda que se faga cumprir o acordo plenario que obriga á concesionaria da auga a sinalizar e emendar as incidencias na rede en menos tempo

O PP reitera a súa petición para que Aqualia repoña as avarías nas vías públicas e a súa contorna "coa maior inmediatez"

Julia Rodríguez denuncia a existencia dunha gabia na Parte aberta desde hai meses

O Grupo Municipal do PP de Monforte pedirá no último Pleno do ano que o Goberno local requira á concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento, Aqualia, para que repare, execute e repoña as avarías e actuacións que efectúa nas vías públicas e a súa contorna coa maior inmediatez para evitar os riscos e molestias que sofren os veciños ante a permanencia durante longo tempo de gabias abertas nas rúas e beirarrúas sen que se aprecie traballo efectivo que xustifique estas situacións.

Os populares demandan ademais que durante o tempo que as gabias permanezan abertas se empreguen as medidas de sinalización apropiadas, así como a seguridade e protección da zona afectada para evitar molestias e riscos innecesarios para os usuarios.

Entre as actuacións concretas, o Grupo Municipal do PP esixe que se repoña o máis axiña posible ao seu estado anterior o gran buraco aberto por Aqualia para reparar as conducións da traída de auga dunha leira particular na parroquia da Parte, no lugar de Remuín, que permanece aberto desde hai meses sen que se aprecie traballo algún na zona. A enorme focha, na que cabe un tractor, tampouco está sinalizada.

O Goberno local desatende un acordo plenario

Os populares recordan que a propia oferta de Aqualia sinala que "en todo momento se procurará interferir minimamente na normal vida cidadá, reparando as avarías coa maior celeridade posible e, así mesmo, respectando sempre o descanso dos cidadáns, coa salvedade das situacións que, pola súa gravidade, obriguen a unha actuación inmediata do concesionario. Unha vez efectuado o corte de fornezo á zona afectada, procederase ao seu acotamento e sinalización e comezaranse as tarefas de reparación con moita brevidade".

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que malia estas obrigacións en relación co arranxo de avarías, de forma inmediata e usando todos os recursos dispoñibles ou ata subcontratándoos, nos últimos tempos sucédense incidentes que dan lugar a gabias en beirarrúas e estradas que permanecen durante semanas e ata meses sen que se vexan operarios facendo traballos de ningún tipo dirixidos á súa reparación.

Exemplos desta práctica puideron verse na Rúa Corredoira, Escultor Francisco Moure, Eduardo Pondal, Calvo Sotelo, ou en O Morín, entre outros, situación que o PP denunciou xa en maio deste ano. De feito, a iniciativa do Grupo Municipal do PP o Pleno aprobou esta mesma iniciativa "sen que tras iso se actuase coa debida dilixencia", como así demostran as gabias que aínda permanecen abertas, como a de Escultor Francisco Moure coa Rúa Sarria.

Novas

Redes Sociais