Novas

Sábado, 27 de decembro de 2014

O Grupo Municipal do PP presenta unha batería de preguntas para que o alcalde responda pola situación da piscina municipal no Pleno do luns

O PP quere saber por qué o Goberno local eliminou do contrato co Grupo Pazos o concurso de acredores como causa de resolución sen dereito a indemnización

Julia Rodríguez interésase polo momento no que o Concello foi coñecedor da situación da concesionaria da piscina e polas xestións que o equipo de Goberno fixo desde entón

O Grupo Municipal do PP de Monforte elevará unha batería de preguntas á próxima sesión plenaria para interesarse pola situación do contrato de xestión e explotación da piscina municipal climatizada. Entre esa información que o PP demandará está o motivo polo cal o Goberno local eliminou do contrato co Grupo Pazos o concurso de acredores como causa de resolución sen dereito a indemnización.

Esta característica figuraba no artigo 23 do contrato que rexía a concesión con anterioridade, formalizada en agosto do ano 2000 coa empresa Gaia Xestión Deportiva, que o BNG máis tarde eliminou ao formalizar o contrato con Pazos no ano 2011 pese a saber que pode ser un elemento determinante nas negociacións que se están levando a cabo.

Os populares interesaranse ademais polo momento no que o equipo de Goberno ten coñecemento das dificultades económicas que atravesaba a concesionaria tendo en conta que o Concello levaba dous anos ingresando na Seguridade Social o prezo que correspondería percibir á concesionaria por orde de embargo dos seus créditos. A portavoz do PP, Julia Rodríguez, preguntaralle ao alcalde "qué medidas adoptou desde entón, de adoptar algunha, en previsión dunha situación como a que nos atopamos agora". O PP tivo coñecemento deste feito recentemente a raíz das preguntas formuladas á Interventora municipal sobre este asunto.

En terceiro lugar, o Grupo Municipal do PP quere saber se o Concello ou a concesionaria dispoñen dun cálculo sobre a posible indemnización á que tería dereito o Grupo Pazos no suposto de resolución do contrato. Tamén inquire o PP por cales son as empresas interesadas na cesión do contrato, así como polos elementos que dificultan que ese acordo se materialice.

Para rematar, os populares preguntan se no suposto de alcanzar un acordo entre empresas que permita a cesión do contrato, ou en caso de resolución, o Concello terá que indemnizar por algún concepto á actual concesionaria e en qué medida.

Os populares presentan esta batería de preguntas ao Pleno tras finalizar o prazo dado polo alcalde para a resolución do conflito e tras anunciar este un novo a través dos medios de comunicación.

Julia Rodríguez explica que o PP decide presentar estas preguntas ante a vaguidade da información obtida sobre a evolución do tema. "Este grupo mostrouse sempre colaborador para a resolución do problema interesándose pola situación dos traballadores, participando na concentración que convocaron, pero a información que manexamos obríganos a preguntar cal é o estado real da situación da piscina", conclúe.

Novas

Redes Sociais