Novas

Martes, 6 de xaneiro de 2014

O Grupo Municipal Popular preguntará no próximo Pleno polas medidas adoptadas fronte á empresa que executou as obras, así como pola situación do expediente aberto por mor das irregularidades acometidas na reforma da praza

O PP lamenta as graves acusacións vertidas pola concelleira de promoción económica contra un profesional da praza de abastos

Julia Rodríguez rexeita que se interpoñan 13 contenciosos contra Sogama e non se actúe do mesmo xeito contra os incumprimentos de Aqualia ou da firma responsable da reforma dos postos da praza

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, lamenta as graves acusacións vertidas pola concelleira de promoción económica, María José Veiga, contra o profesional da praza de abastos encargado da cafetería. "Non entendemos que a encargada de impulsar economicamente a cidade arremeta contra un profesional que o único que fixo foi queixarse dos graves prexuízos que lle ocasionaron ao longo da duración do contrato as deficiencias que atopou para realizar a súa actividade, consecuencia da deficiente execución das obras de reforma da praza de abastos".

Os populares recordan que non é a primeira vez que ocorre, senón que anteriormente a mesma concelleira xustificou os malos cheiros da praza arremetendo contra o titular da peixería, quen tivo que solicitar a intervención de Sanidade.

Julia Rodríguez esíxelle a Veiga Buján que "en lugar de cargar contra os profesionais empregue a mesma enerxía para ofrecer explicacións achega das medidas que adoptou o Goberno local fronte á empresa que executou as obras, máis aló da retención da fianza, insuficiente para reparar as deficiencias existentes".

Así, o responsable da cafetería non só tivo que soportar a caída do teito o pasado Nadal, senón que tivo que facer fronte a unha instalación de climatización mal colocada, aínda agora, así como á inexistencia de fío musical, entre outras deficiencias. "A concelleira do BNG critica ao responsable da xestión da cafetería en lugar de arremeter contra a empresa responsable das deficiencias", precisa.

O grupo Municipal do PP anuncia que na próxima sesión plenaria preguntará polas medidas adoptadas fronte á empresa que executou as obras na praza, a situación do expediente logo de detectar as irregularidades mencionadas, así como as expectativas de que a empresa ou os técnicos responsables da obra asuman a súa responsabilidade.

"O alcalde decide meter a todos os monfortinos en trece contenciosos con Sogama, pero non iniciou un só contra os incumprimentos de Aqualia ou contra a defectuosa execución desta obra da praza de abastos", rexeita a portavoz do PP.

Un proxecto que o PP non apoiou

O Grupo Municipal do PP recorda que rexeitou o proxecto de reforma da praza de abastos desde o principio, posto que non considerou permisible que os usuarios e profesionais se visen obrigados a convivir con malos cheiros, goteiras, problemas na instalación eléctrica, no sistema de evacuación, na cuberta, na calefacción ou o sistema de telecomunicacións, por non falar da resistencia ao lume da pintura. E todo isto, nun proxecto cuantificado en 783.199'99 euros e 175.784'95 euros de melloras no que, o PP denunciou no seu día, só traballaron empresas e profesionais de fóra de Monforte.

Novas

Redes Sociais