Novas

Martes, 13 de xaneiro de 2015

A portavoz do PP afirma que o conflito atópase no punto de partida e que o único que lles comunicaron desde o Goberno local son vaguidades

Julia Rodríguez considera que todos os usuarios teñen dereito a saber a situación na que se atopa a piscina municipal

O Grupo Municipal do PP lamenta que os nacionalistas se neguen a convocar unha xunta de portavoces para explicar as luces e sombras que existen desde o inicio do proceso

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, considera que tanto os grupos da oposición como todos os usuarios teñen dereito a saber a situación na que se atopa a piscina municipal. A popular fai estas declaracións tras coñecer polo rexedor que a situación é a mesma que ao principio do conflito e que non se avanzou na súa solución, senón que se manteñen as mesmas dúbidas sobre o futuro do servizo.

O Grupo Municipal do PP lamenta que os nacionalistas se neguen a convocar unha xunta de portavoces, tal e como pediron os populares onte por segunda vez, e que permitan deste xeito que se manteñan as luces e sombras que existen desde o principio do proceso. O PP considera que a situación atópase no punto de partida de novo, polo que descoñece para qué serviron as xestións que levou a cabo o Goberno local.

"Non sabemos se as empresas interesadas foron definitivamente descartas, os motivos polos que non poden facerse co servizo, se os traballadores van cobrar as nóminas que se lles deben ou se o Concello terá que abonar algunha cantidade se decide resolver o contrato co Grupo Pazos. Non sabemos se o Concello ten algún plan ou se simplemente vai esperar a que o problema se resolva só", inquiere a popular, quen engade que o único que lles comunicaron "son vaguidades".

Os populares consideran que o alcalde debería dar explicacións sobre todas estas cuestións, non só aos grupos da oposición, senón a todos os usuarios do servizo. "Non convocar a xunta de portavoces responde a un xesto de irresponsabilidade política con todos", conclúe.

Novas

Redes Sociais