Novas

Sábado, 17 de xaneiro de 2015

Os populares solicitan que se proceda á reparación e acondicionamento da cuberta, que se mellore a instalación eléctrica, así como a dotación de zonas de lavado  

O PP demanda que se amplíe a actuación que o Goberno local prevé levar a cabo no mercado gandeiro

Julia Rodríguez considera que o Concello debe solicitar as axudas que outras administracións conceden para acometer este tipo de traballos

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que instan ao Goberno local a que, previos os trámites oportunos, proceda á reparación e acondicionamento da cuberta do mercado gandeiro para o seu mellor illamento. Os populares reclaman ademais a mellora da instalación eléctrica, así como a dotación de zonas de lavado nas naves onde desenvolven a súa actividade polbeiras e bares a fin de que os profesionais poidan levar a cabo o seu traballo e os usuarios recibir o servizo nas mellores condicións.

Para poder fronte a estas melloras, o PP propón que se soliciten as axudas e subvencións da Xunta ou de calquera outra administración que poidan ter por obxecto a realización de actuacións deste tipo, sen prexuízo das xestións que a nivel orzamentario sexan procedentes para dispoñer da dotación económica necesaria por parte do Goberno local.

O Grupo Municipal do PP recorda que levou ao Pleno ata en dúas ocasións mocións en 2012 e 2014 para pedir que se acometese a reparación e acondicionamento das instalacións e viais do mercado situado na Estrada de Currelos por atoparse desde hai anos nun estado de abandono impropio da actividade que alí se desenvolve.

Malia as demandas do PP non foi ata outubro de 2014 cando o Goberno local incluíu a aprobación dunha modificación de crédito na que incluíu unha partida para a ordenación do campo da feira. Non entanto, explica a portavoz do PP, Julia Rodríguez, no proxecto contémplase o pintado interior das naves e as cubertas, pero non a súa reparación nin illamento, como tampouco se inclúe actuación algunha dirixida a mellorar a instalación eléctrica destas naves e dotalas de zonas de lavado.

No seu momento os populares presentaron unha emenda para incorporar estas melloras que o equipo de Goberno rexeitou.

Unha actuación insuficiente

Julia Rodríguez explica que "se vai a enlucir a parcela, creando pasos peonís, zonas de aparcamento, uns aseos necesarios, pero non se vai a actuar na cuberta máis que cun pintado interior, malia que se atopa en moi mal estado e precisa non só reparación senón tamén unha actuación que permita un maior illamento, tanto fronte á calor do verán como ao frío do inverno".

Para a portavoz do PP resulta rechamante ademais que as persoas que traballan nas naves onde se serve o polbo carezan dunha adecuada instalación eléctrica que lles permita utilizar aparellos de frío ou zonas de lavado, debendo utilizar recipientes con xeo para o arrefriado de bebidas no verán.

Rodríguez precisa que a necesidade de dispoñer de maiores recursos non pode utilizarse como escusa, como se fixo durante anos, "xa que máis ben non existiu vontade política de mellorar unhas instalacións para as que se pretendía outro uso, coñecida a intención do equipo de goberno de trasladar a feira ao centro da cidade. A realidade indica que, malia existir convocatorias anuais da Consellería de Economía e Industria para melloras de zonas comerciais, que podían destinarse a estas instalacións, durante anos ou non se pediron ou se pediron con fins que non eran subvencionables, ou se focalizaron noutras infraestruturas".

Concretamente, en 2009 obtívose unha subvención de 177.000 euros para a humanización da C/ Otero Pedrayo, en 2010 non se solicitou subvención, en 2011, pediuse axuda para unha actuación que figuraba expresamente na orde como non subvencionable, en 2013 concedéronse 5.082 euros e en 2014 outros 5.894 euros. En ambos casos, para melloras na praza de abastos.

Novas

Redes Sociais