Novas

Luns, 19 de xaneiro de 2015

Os populares recibiron numerosas queixas de veciños e usuarios nas que denuncian o mal estado da vía

O PP demándalle ao Goberno local que acondicione o Camiño da Recosta, en Piñeira

O Grupo Municipal do PP pedirá o apoio do Pleno para que se tomen medidas de xeito urxente

O Grupo Municipal do PP presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que demandan que, previos os trámites oportunos e incluídas as xestións e dotacións orzamentarias procedentes, se leve a cabo o acondicionamento do Camiño da Recosta a fin de que poida servir ao uso que lle é propio en condicións adecuadas.

Os populares trasladan esta petición ao Goberno local logo de recibir queixas de veciños e usuarios do camiño da Parroquia de Piñeira onde se sitúan varias vivendas que o utilizan como único acceso.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, puido comprobar o estado que presenta o firme, case impracticable, especialmente nestes días de choiva en que os grandes buracos que presenta non só dificultan, senón que case impiden o tránsito. "Esta situación vese agravada cada vez máis e de modo especial nesta época de chuvias", explica a portavoz.

A popular lamenta que o Goberno local non atenda as demandas dos veciños e usuarios, pese a telas manifestado en reiteradas ocasións, polo que considera que a actuación debe acometerse de xeito urxente. "Non parece razoable que no tempo que vivimos, existindo vivendas nas que residen familias desde hai anos, non se tomara medida algunha dirixida a acondicionar minimamente este camiño", conclúe.

Novas

Redes Sociais