Novas

Mércores, 21 de xaneiro de 2015

O Grupo Municipal Popular convoca unha xornada de portas abertas para o vindeiro venres día 30 para recoller, de xeito anónimo, as suxestións de afiliados e simpatizantes

O PP invita a todos os monfortinos a colaborar na elaboración do seu programa electoral

Julia Rodríguez afirma que contará "coas achegas de todos aqueles que queiran formar parte do noso proxecto de futuro para Monforte"

A candidata á alcaldía de Monforte e portavoz do Grupo Municipal do PP, Julia Rodríguez, invita a todos os monfortinos a colaborar na elaboración do seu programa electoral e a que afiliados e simpatizantes aporten aquelas suxestións que consideren de interese para a confección da lista coa que concorrerá ás próximas eleccións locais do mes de maio.

Con este obxectivo o Grupo Municipal do PP organiza unha xornada de portas abertas na súa sede para o próximo día 30 de xaneiro en horario de 10 a 14 e de 17 a 21 horas. Ese día colocarase unha urna na sé para que os monfortinos poidan incorporar as súas achegas de xeito anónimo. "Todas elas serán tomadas en consideración, posto que son os cidadáns os que lle dan sentido a esta proposta", explica a candidata popular.

Julia Rodríguez subliña que concorrerá a estas eleccións "esperando obter os resultados que nos permitan desenvolver un modelo de xestión eficaz e útil para todos os monfortinos, e implementar medidas dirixidas ao desenvolvemento que Monforte tanto necesita. Un ambicioso proxecto, no que me gustaría contar coa túa participación de forma activa, como do resto de afiliados e simpatizantes, a fin de coñecer as vosas suxestións, de cara á elaboración do programa e a candidatura", explica.

"Queremos un proxecto feito por todos e para todos co que poder cambiar a tendencia negativa que vive a cidade, polo que agradeceremos todas as suxestións e reflexións que queirades compartir", conclúe.

Novas

Redes Sociais