Novas

Xoves, 22 de xaneiro de 2015

O Grupo Municipal do PP traslada esta esixencia ao Pleno tras comprobar que a concesionaria non ofrece o servizo pese a estar recollido no contrato

O PP pide que o Goberno local obrigue a FCC a cumprir o contrato sobre recollida domiciliaria para persoas discapacitadas

Julia Rodríguez critica que existindo un técnico responsable non se estea vixiante e rigoroso na esixencia do cumprimento das obrigacións que lle corresponden á empresa

O Grupo Municipal do PP de Monforte presentou unha moción para o seu debate no próximo Pleno na que piden que o Goberno local leve a cabo as xestións necesarias, entre elas, os oportunos requirimentos á empresa FCC, a fin de esixirlle que dea cumprimento ao contrato que a obriga co Concello, particularmente no que se refire á recollida domiciliaria do lixo a persoas discapacitadas ou dependentes, que figura entre as melloras ofertadas no seu día pola empresa. Os populares consideran que é necesario darlle a este servizo a oportuna publicidade a fin de que os usuarios interesados o coñezan e se habiliten os mecanismos necesarios para que o soliciten.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que "non é entendible que existindo un técnico responsable do contrato e tratándose dun contrato cunhas condicións económicas que xeran un desequilibrio económico de máis dun millón de euros, non se estea vixiante e rigoroso na esixencia de cumprimento das obrigacións que lle corresponden á concesionaria".

O que recolle o contrato

Entre as melloras incluídas no contrato de recollida e transporte de residuos urbanos, limpeza viaria e outros servizos asinado coa concesionaria FCC, atópase a recollida domiciliaria a minusválidos e persoas dependentes. Concretamente, no punto 3.15 de melloras, recóllese nos seguintes termos:

- RECOLLIDA DOMICILIARIA A MINUSVÁLIDOS E PERSOAS DEPENDENTES

Este servizo de carácter especial suscítase, como mellora dos servizos de recollida diferenciada, co fin de colaborar con aqueles cidadáns que sofren algún tipo de minusvalía ou que non dependen de si mesmos para desprazarse. Habilitarase un teléfono, un correo electrónico e unha páxina web, para que poidan solicitar este servizo. Con todos os avisos recibidos elaborarase unha ruta diaria a realizar polos medios previstos para este servizo. A recolleita neste caso realízase de forma manual, posto que o operario do equipo desprazarase ata a vivenda e recollerá os residuos que deberán estar contidos nunha bolsa pechada. A continuación depositaraos a bolsa no contedor correspondente máis próximo ou ben no vehículo para o seu traslado ao centro de eliminación. O servizo levarase a cabo todos os días de luns a sábado, en quenda de mañá.

Os populares explican que unha vez revisada a páxina web da concesionaria non se advirte referencia algunha a este servizo, que permita aos usuarios ter coñecemento desta posibilidade para que procedan á súa solicitude. "Tampouco existe constancia de que este sistema de recolleita domiciliaria de mañá estéase levando a cabo, malia existir moitas persoas discapacitadas ou dependentes na nosa cidade, que poderían precisar ou estar interesadas neste servizo", precisa Rodríguez.

"Cando se debata esta moción, terán transcorridos 4 anos desde a formalización deste contrato sen que por parte do equipo de goberno se publicitara ou esixira o cumprimento desta obrigación ou en todo caso, sen que por parte da empresa se executara", engade.

A portavoz do PP considera que "son xa moitos os exemplos de incumprimentos destas grandes empresas concesionarias de servizos municipais, que prexudican aos monfortinos, mentres o Goberno local mira para outra parte. O prexuízo é grande, non só porque non gozamos das melloras comprometidas no seu día, senón porque enriba pagamos por elas".

Outros incumprimentos

No caso de FCC, a instancia dos grupos da oposición debatéronse múltiples mocións relacionadas con incumprimentos desta empresa, concretamente, sobre o baldeo e a captación de auga potable, o número de cubos, a limpeza das especies vexetais invasoras dos monumentos públicos, o atraso na implementación do cubeo, a falta de pago de aluguer da nave, a falta de instalación de sanecans ou contedores de recolleita de pilas, o mal estado de limpeza de contedores ou a redución da frecuencia de recolleita de lixo nas parroquias, ou a ausencia de embelecemento dos contedores. Todas elas foron obxecto de debate e de acordos plenarios.

Novas

Redes Sociais