Novas

Venres, 19 de xullo de 2013

A portavoz do PP de Monforte insta á Deputación a dar explicacións sobre as súas decisións e a aclarar por que prefiren pagar por un traballo que unha asociación local faría de xeito gratuito

Julia Rodríguez exixe á Deputación de Lugo que responda "sobre a súa xestión de Goberno" en relación co mantemento da leira do Pazo de Tor

Os populares valoran os datos dados a coñecer polo xerente do Hospital Comarcal e afirman que os cidadáns "terán memoria" e verán quen lles mentiu en relación co suposto desmantelamento ou o peche do centro sanitario

A portavoz do PP de Monforte, Julia Rodríguez, exixe á Deputación de Lugo que responda "sobre a súa xestión de Goberno e non tire balóns fóra" en relación coa contratación dunha empresa privada para o mantemento da leira do Pazo de Tor. Os populares recordan que a asociación monfortina Prodeme ofreceuse desde o ano 2008 para acondicionar o terreo a cambio de facelo produtivo, un traballo que asumirían a custo cero.

"A Deputación di que o contrato se axusta a dereito pero ninguén cuestionou o contrato. Só faltaría que non se axustase", replica a popular.

Julia Rodríguez non comparte a estratexia de defensa da Deputación provincial que en lugar de "ofrecer as explicacións que corresponden, remiten á xestión do anterior Goberno provincial". A portavoz do PP asegura que "estamos cansos de escoitar aos socialistas que non toca falar da herdanza de Zapatero, pero cando son eles os que teñen que informar da súa xestión, só saben recorrer ao pasado". "Agora son eles os que están no Goberno e tomaron esta decisión que vemos inxusta", engade.

Os populares recoñecen o mérito dunha asociación que encauzou a súa actividade cara a unha liña empresarial para garantir a continuidade do seu labor social, un aspecto "que debe aportar un valor engadido sobre calquera outra empresa". Julia Rodríguez indica que desde o ano 2008 Prodeme ofreceu este acordo á Deputación que respondeu 5 anos despois coa contratación dunha empresa privada que cobrará por un servizo "que eles farían de xeito desinteresado". "Creo que polo menos estaban na obriga de atendelos e consideralo", reprocha a portavoz.

Obrigados a ter memoria

O Grupo Municipal do PP de Monforte valora os datos dados a coñecer os pasados días polo xerente do Hospital Comarcal e destaca que "en Monforte estamos obrigados a ter memoria" tal e como reza a pancarta da Plataforma sanitaria porque "podemos comprobar que o que se nos dixo sobre o peche ou o desmantelamento non se corresponde coa realidade, senón todo o contrario".

Os populares aseguran que se manteñen vixiantes e atentos para comprobar o funcionamento e a implantación da xestión integrada que xa deu os seus primeiros froitos. "Tres meses despois da publicación do decreto toca facer balance cuns datos moi clarificadores sobre a mellora do servizo que se presta", indica Rodríguez.

A portavoz do PP valora de xeito especial o incremento da actividade nos quirófanos nun 71% con respecto a 2009, a redución dos tempos de espera ou a implementación de novos servizos, como a proba de amniocentesis ou a nova vía rápida para combater o cancro de garganta, que anunciou o xerente. Subliña ademais o dato da cifra de espera quirúrxica que en Monforte se sitúa nos 44 días, fronte aos 82 días de media global.

Novas

Redes Sociais