Novas

Martes, 10 de febreiro de 2015

A portavoz do PP critica que durante doce anos fora o Goberno local o que "non moveu nin un só dedo polo solo industrial, nin por rebaixar o seu prezo, nin por xestionar a súa posible segregación"

Julia Rodríguez pídelle ao BNG que conte o número de empresas que se instalaron en Monforte para obter o resultado da súa xestión

A candidata do PP á alcaldía aconséllalle a Pilar López que se ocupe das súas áreas de Goberno e dun cometido "que deixa moito que desexar"

A portavoz do PP de Monforte e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, pídelle ao BNG que conte o número de empresas que se instalaron na cidade desde que están no Goberno para poder obter o resultado da súa xestión. "Resulta rechamante que sexan os nacionalistas os que se atrevan a falar de solo industrial cando non moveron nin un dedo por rebaixar o seu prezo nin por xestionar a súa posible segregación", critica a popular.

"Parécenos que está absolutamente fóra de lugar que sexan eles os que se pronuncien cando non foron capaces de manter aos empresarios de Monforte para que implantaran as súas instalacións no solo da cidade, por iso é polo que hai numerosas compañías establecidas en polígonos limítrofes. Tanto é así que o proxecto de parcelar a leira do Concello próxima ao polígono foi un auténtico fracaso", explica a popular.

Julia Rodríguez recoméndalle á concelleira de Cultura e Benestar Social que se ocupe das súas áreas de goberno e dun cometido que "deixa moito que desexar" e non fale "do que non sabe nin lle preocupou nunca". "O que nós nos preguntamos é onde estaba ela cando se pagaba un prezo desproporcionado polo aluguer das barcas do río, os anos nos que o centro cívico permaneceu pechado, os anos que leva sen limpar a ponte vella, a muralla ou a lagoa do parque dos Condes. Gustaríanos que dese conta tamén do motivo polo que se decide pechar a Torre da Homenaxe ao público, pese a ser un dos grandes reclamos de Monforte e existir persoas interesadas na súa visita. Estamos a dez de febreiro e a concelleira de Cultura tampouco se acordou aínda do IV centenario da publicación da segunda parte que El Quijote dedica ao VI Conde de Lemos. E agora que quere ser alcaldesa, tampouco a vemos tan dilixente para resolver o conflito da piscina, que se alarga semana tras semana. Onde está a señora Pilar? Porque preocupándose polas empresas de Monforte e o seu futuro xa comprobamos que non".

"Debería atender ás súas obrigacións antes de lanzarse a criticar as melloras que os demais traemos para a cidade co único obxectivo de saír na foto e gañar algo de protagonismo para as eleccións", replica Rodríguez.

Comisión de Aqualia

A portavoz do PP valora as palabras da interventora que compareceu onte en primeiro lugar e que, de novo, deixou claro que o canon inicial foi entregado pola empresa e que foi lícito e legal atender con ese importe as necesidades de tesourería, a sabendas de que se mantiña a obrigación de facer as melloras comprometidas ao longo da vida do contrato. "É neste punto no que o Concello gobernado polo BNG abandona as súas obrigacións, posto que non acometeu esas melloras ás que lle obriga o contrato?, explica Rodríguez.

Novas

Redes Sociais