Novas

Sábado, 21 de febreiro de 2015.-

O Grupo Municipal Popular realiza esta petición despois de que a actual interventora lle confirmase á portavoz do PP que é posible cuantificar, senón todos, a maior parte dos danos e prexuízos derivados para o Concello da desaparición da oferta e a falta de cumprimento do contrato

O PP solicita un informe no que se cuantifiquen os danos e prexuízos derivados da desaparición da oferta de Aqualia e dos incumprimentos da concesionaria

Os populares realizarán esta petición na comisión que se celebra o vindeiro luns

A portavoz do PP de Monforte e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, solicitará o luns un informe do Goberno local no que se cuantifiquen os danos e prexuízos irrogados ao Concello, por calquera concepto (sancións, danos, falta de execución de melloras ou investimentos de todo tipo, etc.) derivados da desaparición da oferta e os incumprimentos da concesionaria Aqualia.

Os populares demandarán este informe no marco da comisión informativa especial de investigación das circunstancias da desaparición da oferta presentada por Aqualia e despois de que na última comisión a actual interventora respondese á portavoz popular dicindo que si é posible cuantificar, senón todos, a maior parte dos danos e prexuízos derivados para o Concello da desaparición da oferta e a falta de cumprimento do contrato.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, recorda que a Comisión ten por obxecto, non só a determinación das circunstancias da desaparición da oferta presentada pola concesionaria, durante 10 anos, malia atoparse en dependencias municipais, senón tamén a análise e cuantificación dos danos ocasionados a este Concello, derivados de tal desaparición e dos reiterados incumprimentos do contrato por parte da entidade Aqualia.

Os populares explican ademais que malia terse emitido no seu día informes técnicos en relación aos mencionados incumprimentos, non consta informe do servizo de Intervención que permita cuantificar os danos e prexuízos de todo tipo derivados da desaparición da oferta e da falta de cumprimento das súas obrigacións por parte de Aqualia, así como os derivados entre outros, da inexecución de melloras ofertadas, os danos e sancións soportados por vertidos, o canon de explotación deixado de percibir durante anos, etc.

Novas

Redes Sociais