Novas

Martes, 24 de febreiro de 2015

O Grupo Municipal Popular insta ao equipo de Goberno a organizar un programa de actos e a que o edificio multiusos leve o nome do mecenas

O PP pide que Monforte conmemore o IV centenario da publicación do Quixote que Cervantes dedicou ao VII Conde de Lemos

Julia Rodríguez critica que a día de hoxe o Goberno local non anunciara un só acto para poñer en valor esta efeméride

O Grupo Municipal do PP insta ao equipo de Goberno a organizar un programa de actos conmemorativos do IV Centenario da publicación da segunda parte do Quixote que Miguel de Cervantes dedicou a Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos. Os populares demandan ademais, a través dunha moción, que o edificio multiusos pase a denominarse Edificio multiusos, Pedro Fernández de Castro, VII Conde de Lemos, na parte que non se dedica a conservatorio.

Os populares recordan que o VII Conde de Lemos é unha figura notable da historia e a cultura de Monforte, pola súa importancia e a da súa linaxe, e polo importante legado patrimonial e cultural que nos deixou. O seu afán polas letras levárono a rodearse dos escritores máis destacados da época, aos que lles prestou o seu apoio. Foi protector dos máis grandes literatos do Século de Ouro e a el dedicáronlle libros e traballos.

Os máis destacados escritores da época mostráronlle o seu afecto e agradecemento, pero entre todos, o máis insigne, Miguel de Cervantes, plasmou ese agradecemento dedicándolle unha boa parte das súas obras, entre outras, as Novelas Exemplares, Comedias e Entremeses, e particularmente, en 1615 a segunda parte da máis grande obra da literatura universal escrita en castelán: O Quixote.

Un defensor dos intereses de Galicia

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, considera que "estamos ante unha boa ocasión para poñer en valor a un personaxe tan polifacético e destacado da súa época, non só por ser mecenas e promotor de tan importante obra literaria, xunto con outras, senón polo seu defensa dos intereses de Galicia e polo legado patrimonial que nos deixou aos monfortinos e, polo tanto, aos galegos".

O Grupo Municipal do PP explica que comunidades autónomas como Castilla A Mancha e Concellos de toda España e ata de fóra, como Nápoles ou Perú, están conmemorando o IV Centenario da publicación da segunda parte do Quixote.

"O Concello de Monforte que desde fai meses debería estar anunciando e poñendo en valor este centenario non anunciou a día de hoxe un só acto conmemorativo desta efeméride que serviría para poñer en valor a relevancia da esta figura da nosa historia a través do seu vínculo coa obra máis importante da literatura universal en lingua castelá", conclúe a portavoz.

Novas

Redes Sociais