Novas

Martes, 3 de marzo de 2015

O Grupo Municipal Popular considera que o gasto acometido polo Goberno local non se corresponde co resultado das actividades que se programan na Praza de Abastos

O PP revela que o Concello gastou 70.000 euros en 2014 en organizar e publicitar os mercados temáticos

Julia Rodríguez critica o pago mensual de ata 4.719 euros á empresa de fóra de Monforte Rural Consulting para a coordinación destes eventos

A portavoz do PP de Monforte e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, revela que o Concello, en mans do BNG, gastou no ano 2014 preto de 70.000 euros (69.672,69 euros) en organizar e publicitar os mercados temáticos que se celebran na Praza de Abastos. Os pagos que máis chaman a atención do listado ao que vén de ter acceso o Grupo Municipal do PP son os que teñen como receptor á empresa de Allariz Rural Consulting, cuxo importe total ascende a 41.442 euros en só un ano.

A firma ourensá fai cargos ao Concello pola organización e coordinación dos mercados temáticos que van desde os 2.541 euros aos 4.719 euros. En concreto, os pagos feitos a esta empresa en 2014 son os seguintes: Febreiro, 2.541 euros; Marzo 3.630 euros; Abril 3.811 euros; Maio 4.356 euros; Xuño 3.267 euros; Xullo 4.356 euros; Agosto 4.719 euros; Setembro 3.267 euros; Outubro 3.630 euros; Novembro 3.388 euros; Decembro 4.477 euros.

A maior parte do gasto que realiza o Goberno local vai parar a empresas de fóra de Monforte, non só a Rural Consulting, senón a outras como Pedra Salgada e Comunicación Gráfica S.L., en concepto de cartelería e banderolas, así como pola limpeza do espazo no que se desenvolven as actividades.

"Non só o gasto nos parece desorbitado en relación cos beneficios que os comerciantes recoñecen que obteñen por participar nos mercados temáticos, senón que promoveron un entramado empresarial do que só se benefician firmas de fóra de Monforte".

A portavoz do PP lamenta que haxa unha empresa cobrando esas cantidades desorbitadas mensualmente e que logo nos decatemos, como así publican os medios de comunicación, de que a organización foi un desastre, non apareceu o coordinador, facía frío no local, non funcionaba a música, nin había quen custodiase os postos. "É intolerable que paguemos máis de 4.700 euros por organizar un mercado e que non haxa quen colla o teléfono", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais