Novas

Martes, 10 de marzo de 2015

A portavoz popular considera que os nacionalistas mantiveron un trato de favor coa concesionaria da auga do que non se viron beneficiadas outras adxudicatarias de servizos municipais

O PP denuncia que o Goberno local non abra ningún expediente sancionador pese aos incumprimentos de Aqualia

O Grupo Municipal do PP lamenta que se queira responsabilizar aos técnicos municipais cando era potestade do BNG velar polo cumprimento do contrato

A portavoz do PP de Monforte e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, denuncia que o Goberno local non abra ningún expediente sancionador á concesionaria da auga pese a ser consciente dos múltiples incumprimentos nos que esta incorreu nos últimos anos. O PP lamenta que os nacionalistas traten agora de responsabilizar aos técnicos cando eran eles os que tiñan que promover e perseguir o cumprimento do contrato, como así fixeron con outras concesionarias.

Julia Rodríguez sostén, logo da comisión informativa celebrada onte na que compareceron Alicerce Saborido e Miguel Piñeiro, que os técnicos non tiñan a potestade para esixir a apertura de expedientes disciplinarios ou de dirixir requirimentos "porque é o equipo de Goberno o que tería que dar a orde correspondente".

"Esta empresa gozou dun trato de favor evidente do que non se viron beneficiadas outras concesionarias ás que o Goberno local decidiu reclamar que cumprisen coas súas obrigacións, como así debe ser e como fixan os contratos que rexen as concesións", explica a popular.

A portavoz recorda que había xuntas de goberno nas que se aprobaban sancións por vertidos ou se daba conta de expedientes de responsabilidade patrimonial, pero o alcalde que era o encargado de pedir que se iniciasen expedientes permaneceu cos brazos cruzados, salvo nunha ocasión en xullo de 2004 no que a auga baixo turbia e iniciouse un procedemento que non chegou a terminarse. Julia Rodríguez pregúntase por que os nacionalistas non tiveron interese en xestionar este contrato e por qué tratan de buscar responsables cando foron eles os que desatenderon as súas obrigacións nos últimos doce anos.

A oferta, unha incógnita

Os técnicos que prestaron declaración onte explicaron que do seu paso polo Concello non recordan traballar coa oferta de Aqualia nin haber tido acceso a esa documentación, malia o seu volume. Ambos confirmaron que corresponde ao alcalde custódiaa dos documentos. "Seguimos sen entender onde acabou a oferta da empresa durante tantos anos, por qué non se lle reclamou unha copia por parte do Concello e quen vai asumir as consecuencias da súa desaparición", conclúe Rodríguez.

Novas

Redes Sociais