Novas

Sábado, 14 de marzo de 2015

O Grupo Municipal Popular denuncia que son numerosos os veciños que malia ter diñeiro nas súas entidades recibiron expedientes tramitados en executiva sen coñecer o motivo

O PP pedirá que se revisen os recargos que o Concello está virando aos veciños que teñen domiciliados os seus impostos e non os abonaron por causas alleas á súa vontade

Julia Rodríguez explica que o tema "non é menor, xa que hai recibos de 152 euros que en vía executiva pasan a 171 euros"

A portavoz do PP de Monforte e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, reclamará ao equipo de Goberno que proceda a revisar os expedientes tramitados en executiva para determinar aqueles en os que o impago en voluntaria se teña producido por causas alleas ao suxeito pasivo, procedendo nestes casos á devolución dos recargos e costas virados.

O PP fai esta demanda ao Concello logo de saber que son numerosos os veciños de Monforte os que están recibindo notificacións de providencias de prema correspondentes a impostos municipais, nas que ademais do principal, impónselles un recargo do 10% e as costas.

A portavoz do PP, Julia Rodríguez, explica que son persoas que tiñan domiciliados os pagos dos seus impostos nunha entidade bancaria e sen recibir notificación algunha do Concello ou do banco, malia ter liquidez nas súas contas e sen que en anos anteriores tivesen incidencias no pago, son requiridos en vía executiva cos recargos e costas correspondentes, malia descoñecer as circunstancias polas que estes recibos non foron cobrados en voluntaria.

Os populares puideron saber que as persoas afectadas que preguntaron nas súas entidades por este cobro en executiva non atoparon explicación ao sucedido, pese a que tiñan saldo suficiente para o pago.

Tamén puideron saber que a algún dos afectados que se acudiu directamente no Concello devolvéronlle o recargo, despois de que se lle xustificase a incidencia na falta do IBAN, un aspecto do que non é responsable o contribuínte. Julia Rodríguez denuncia que "non é a primeira vez que estamos ante incidencias deste tipo, veciños que teñen que abonar en executiva recibos domiciliados para os que tiñan saldo dispoñible sen que conste causa de devolución bancaria".

A popular recorda que o Concello ten contratada a recadación executiva cunha empresa externa e explica que "non estamos ante un tema menor, xa que hai persoas que nun recibo de 152 euros, que sempre estivo domiciliado e con suficiente saldo no banco, e sen que conste causa de devolución por parte da entidade, reclámaselles en executiva un importe de 171 euros, é dicir, case 20 euros en recargos e costas".

Novas

Redes Sociais