Novas

Martes, 24 de marzo de 2015

O Grupo Municipal do PP pregúntase que fixo o Goberno local con todas as mocións aprobadas en sesión plenaria nas que se esixía que a empresa cumprise coas súas obrigacións

O PP considera o anuncio do alcalde sobre Aqualia "unha cortina de fume para tapar o seu nefasta xestión ao longo de todos estes anos"

Julia Rodríguez considera que non existiu vontade política por parte do BNG para atopar a oferta coa que poder esixir o cumprimento da concesionaria

A portavoz do PP de Monforte e candidata á alcaldía, Julia Rodríguez, considera que o anuncio realizado polo alcalde en relación cos incumprimentos de Aqualia "é unha cortina de fume para tapar a súa nefasta xestión ao longo destes doce anos". Os populares valorarían esta medida se realmente non fose o BNG o que consentiu que a concesionaria non cumprise coas súas obrigacións. "Non poden presentarse agora como os salvadores dunha situación que eles mesmos crearon", explica a portavoz.

Julia Rodríguez critica que o alcalde non tomase esta medida nos doce anos que leva no goberno, como tampouco fixo nada desde que fai un ano apareceu a oferta de concesión do servizo. "O que máis nos chama a atención é que fixo o BNG con todos os acordos plenarios aprobados pola Corporación nos que se esixía o cumprimento do contrato nos seus propios termos. Á vista deste anuncio do alcalde eses acordos son papel mollado", lamenta a popular.

"Levan dez anos sen mover ficha en relación con este asunto, non tiveron a vontade de reclamar, sancionar nin requirir á empresa, como si fixeron con outras concesionarias, pero agora lanzan unha serpe de primavera a propósito de que a continuidade do seu proxecto político só traerá consigo unha nova xestión irresponsable e inmerecida para os monfortinos".

Os populares consideran que o rexedor debe aclarar ademais que tipo de reclamacións se lle van efectuar á concesionaria logo de perder tres procedementos xudiciais contra ela e qué herdanza envelenada se lle pretende deixar ao próximo equipo de Goberno. "Estaría ben coñecer qué medidas concretas vai tomar cando non existe nin un só expediente sancionador contra Aqualia, nin o PP ten constancia do contido dos informes nos que din apoiarse, e que non foron trasladados á oposición, pese a ser o Grupo Municipal Popular o que os solicitou.

"Poderiamos dicir que responde a unha fuxida cara adiante para tratar de salvar as eleccións, pero creemos que é un salto sen paracaídas no que os únicos prexudicados poderían ser de novo os monfortinos".

"Logo de 10 anos coa oferta desaparecida, 3 xuízos perdidos, unha demanda de 1,5 millóns de euros e unha condena de 336.000 euros, máis de 300.000 euros de multas e sancións por vertidos desde 2009, investimentos e melloras incumpridas e tras aparecer a oferta en novembro de 2013, levan ano e medio sen facer nada, e agora anúnciannos, a un mes das eleccións, que lle van a reclamar a Aqualia. Con estes antecedentes só podemos preocuparnos porque a xestión da reclamación siga a liña de favorecer á empresa, como fixeron nos últimos anos. Este equipo de goberno xa fixo bastante dano en todo o que ten que ver con este contrato, polo que o mellor que pode facer, a estas alturas, é deixar que sexa a nova corporación a que decida a actuación máis conveniente", explica Rodríguez.

Desaparición da oferta

Sobre a desaparición da oferta, o Grupo Municipal do PP considera que as explicacións ofrecidas polo equipo de Goberno "son indefendibles" e revelan que en ningún momento existiu a vontade política do BNG para esixirlle a Aqualia que cumprise coas súas obrigacións.

Julia Rodríguez afirma que os argumentos esgrimidos pola arquiveira municipal "son tan insostibles que non é crible que asuma en solitario tanta incompetencia. Só queda entender que non houbo vontade nin interese real por parte dos nacionalistas en dispoñer da oferta", conclúe.

Novas

Redes Sociais